A Xunta licita a renovación das cubertas de tres edificios do IES de Vilalonga, no Concello de Sanxenxo, cun orzamento de 370.000€

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, anuncia a apertura do proceso de contratación nunha visita ao centro co alcalde, Telmo Martín

O representante autonómico explica que o comezo da obra está previsto para inicios do verán coa desmontaxe dos teitos existentes para garantir a seguridade

O edificio principal, o aulario e o ximnasio van dotarse de novas envolventes de chapa de aceiro con recheos e illamentos e mudaranse as baixantes e canalóns

Luis López enmarca esta obra “no proceso de modernización dos centros da provincia cos criterios do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica”

Sanxenxo, 28 de abril de 2021

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, vén de abrir o proceso de licitación das obras de renovación das cubertas en tres edificios do IES de Vilalonga, no Concello de Sanxenxo, cun orzamento de 370.000€.

A apertura deste proceso de contratación foi anunciada esta mañá polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, nunha visita realizada ao centro xunto ao alcalde, Telmo Martín, e o xefe territorial de Educación, César Pérez. No seu percorrido, concretou que a intención do Goberno galego pasa por adxudicar a obra nunhas semanas para arrancar cos traballos a comezos de verán.

“Con esta actuación, a Xunta atende unha demanda do Concello de Sanxenxo e da comunidade educativa que tamén fora detectada polos servizos técnicos da Consellería e prosegue co proceso de modernización dos centros da provincia cos criterios do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, ao abeiro do que investiremos 191 millóns de euros nesta lexislatura para que os colexios e institutos sexan espazos máis confortables, multifuncionais, ventilados, versátiles e seguros no eido sanitario”, detallou o delegado.

A actuación proxectada no IES de Vilalonga beneficiará ao edificio principal, a un inmoble que acolle un aulario e o salón de actos e ao recinto do ximnasio, cuxas cubertas presentan diversas patoloxías por mor do paso do tempo e do sistema construtivo empregado no seu día, que provocan desprendementos e filtracións. Así mesmo, tense detectado que os sistemas de recollida de pluviais están deteriorados, producindo rebordamentos, goteos e vertidos de auga polas fachadas.

As obras consistirán na reparación e substitución destas cubertas, comezando polo recoñecemento previo do seu estado antes de proceder á súa desmontaxe, que se efectuará durante o período non lectivo do verán por cuestións de seguridade.

Posteriormente, instalaranse novas envolventes conformadas por paneis de chapa de aceiro galvanizado con recheos de espuma e sistemas de illamento térmico e sellado para evitar a filtración de aire. Os novos teitos, que garantirán a impermeabilización destes tres edificios, sustentaranse con viguetas de formigón sobre tabiques de ladrillo e a actuación completarase coa dotación dos mesmos materiais, na mesma cor e calidade, nos paneis da fachada do ximnasio, situados nos seus muros centrais, e coa substitución de todas as baixantes e canalóns para controlar as escorrentías da choiva.

Imaxes relacionadas