A Xunta rematará o vindeiro ano catro parcelarias en Cartelle que reorganizarán 4.000 hectáreas de 3.700 propietarios

Trátase dos procesos das zonas de Cartelle, Mundil, San Tomé e Vilar de Vacas, que suporán un investimento conxunto de preto de 14 millóns de euros

Un quinto proceso de concentración, na zona de Santa Baia, terá un impulso específico ao abeiro da futura Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, mediante a súa posible conversión nun polígono agroforestal
 

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2021

A Consellería do Medio Rural traballa coa previsión de entregar os títulos de catro zonas pendentes de concentración parcelaria do concello de Cartelle a mediados do vindeiro ano. Así llo transmitiu o conselleiro, José González, ao alcalde deste municipio ourensán, Jaime Sousa, nunha xuntanza de traballo mantida en San Caetano na que tamén participou a directora xeral de Desenvolvemento Rural, Inés Santé.

Trátase das zonas de Cartelle, Mundil, San Tomé e Vilar de Vacas, que xuntas suman unha superficie de actuación de arredor de 4.000 hectáreas, correspondentes a 3.700 propietarios. A maiores, existe un proceso de concentración na zona de Santa Baia que terá un impulso específico ao abeiro da futura Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, mediante a súa posible conversión nun polígono agroforestal, unha das figuras que recolle esta norma para a posta en valor de terreos mediante o seu agrupamento. As actuacións nestes cinco procesos suporán un investimento de preto de 14 millóns de euros.

Neste encontro, o conselleiro explicoulle ao alcalde que o desenvolvemento destas parcelarias estase vendo condicionado polos trámites establecidos pola normativa hipotecaria estatal, que obriga a realizar a revisión cartográfica e documental de cada acordo da zona para verificar a coherencia alfanumérica e gráfica que demandan os procesos de converxencia Catastro-Notaría-Rexistro. Todo isto dilata a tramitación dos procesos, pero a previsión da Xunta apunta á súa finalización, coa entrega dos títulos, no devandito prazo.

No caso concreto da parcelaria de San Tomé, o titular de Medio Rural destacou que xa está contratada a obra de camiños secundarios, por un importe de case 1,3 millóns de euros, e as actuacións comezarán tan pronto se reciban os informes sectoriais pertinentes. Este proceso atópase en fase de acordo, así como as de Mundil e Vilar de Vacas, mentres que o de Cartelle está na de acordo firme.

Na reunión tanto o alcalde como os responsables da Consellería amosaron a súa vontade de reforzar a colaboración entre Xunta e Concello para impulsar a recuperación e posta en valor da terra agraria no municipio, a través de todos estes procesos, con vistas a mellorar a competitividade do seu agro.
 

Imaxes relacionadas