Galicia, Asturias e Cantabria inician unha axenda de traballo conxunta para seguir apoiando o sector electrointensivo

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, Francisco Conde, participou esta tarde nun encontro telemático cos responsables da área de Industria nos gobernos de Asturias e Cantabria

A xuntanza foi unha oportunidade para poñer en común os retos que comporta a transición ecolóxica e enerxética para as comunidades do norte de España onde a industria electrointensiva ten un peso relevante

As tres administracións acordaron defender unha mesma postura ante o Goberno como medida de apoio a este sector, dando así continuidade á fronte común que xa estableceron cando presentaron alegacións conxuntas durante o proceso de redacción do Estatuto de Consumidores Electrointensivos

Na xuntanza avaliaron tamén as posibilidades de consensuar proxectos comúns noutros eidos como a mobilidade sustentable ou a eólica offshore

Galicia, Asturias e Cantabria teñen claro que os fondos europeos Next Generation son unha oportunidade excepcional para impulsar unha transición enerxética xusta e ordenada
 

Santiago de Compostela, 27 abril de 2021

A Xunta de Galicia vai iniciar unha axenda de traballo conxunta cos gobernos de Asturias e Cantabria para dar un maior impulso ao sector electrointensivo e demandar ao Goberno medidas adicionais de compensación para esta industria estratéxica no conxunto da economía española.

Trátase dun dos principais acordos adoptados nun encontro telemático celebrado esta tarde no que participaron o vicepresidente económico, e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, Francisco Conde; o conselleiro de Industria, Emprego e Promoción Económica do Principado de Asturias, Enrique Fernández Rodríguez; e o titular de Industria, Turismo, Innovación, Transporte e Comercio de Cantabria, Francisco Javier López Marcano.

Galicia, Asturias e Cantabria queren poñer en valor o significado do diálogo e da colaboración entre administracións no actual contexto de reactivación económica e co marco dos fondos europeos Next Generation. Nese sentido, esta xuntanza foi unha oportunidade para poñer en común os retos que comporta a transición ecolóxica e enerxética para as comunidades do norte de España onde a industria electrointensiva ten un peso relevante.

Ao respecto, os conselleiros das tres administracións representadas na reunión acordaron seguir defendendo unha postura común ante o Goberno como medida de apoio a este sector estratéxico. Dáse así continuidade á fronte común que as tres comunidades xa estableceron durante o proceso de redacción do Estatuto de Consumidores Electrointensivos ao considerar que o texto aprobado non dá resposta ás demandas do sector.

Seguindo a mesma liña das alegacións que daquela presentaron conxuntamente a dito Estatuto, no encontro puxéronse sobre a mesa diferentes puntos en común para trasladar ao Executivo central. En primeiro lugar, que se compensen os custos de CO2 ao máximo cun horizonte temporal estable e sen que estea condicionado aos Orzamentos Xerais do Estado. Tamén acordaron pedir que se concrete un mecanismo de capacidade efectivo para a industria electrointensiva e que o Goberno faga unha proposta de fondos para apoiar proxectos singulares. E, nesa mesma dirección, Galicia, Asturias e Cantabria solicitan que se active unha liña de apoio específica para este sector no marco dos fondos europeos Next Generation.

As tres comunidades defenden que estes fondos son unha oportunidade excepcional para impulsar unha transición enerxética xusta e ordenada. E, con ese obxectivo, na xuntanza avaliaron tamén as posibilidades de consensuar entre as tres administracións proxectos comúns no eido da mobilidade sustentable ou da eólica offshore.

A reunión de hoxe é un primeiro paso co que os gobernos de Galicia, Asturias e Cantabria queren establecer unha axenda de contactos para seguir tecendo alianzas estratéxicas que dean protagonismo ao Noroeste no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España.
 

Imaxes relacionadas