A Xunta lamenta que o Goberno central non contase coas comunidades para o plan de medidas fronte ao reto demográfico

O Goberno galego solicita a convocatoria urxente da Conferencia Sectorial de Reto Demográfico para analizar este documento

Pide seguir traballando na Estrategia Nacional para el Reto Demográfico que aínda estaba en proceso de modificación

O Plan de Medidas, presentado polo Ministerio de Transición Ecológica y Reto Demográfico, non responde a problemas propios das zonas rurais nin das zonas escasamente poboadas
 

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2021.- O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, participou esta mañá na reunión da Comisión Sectorial para el Reto Demográfico, na que trasladou o descontento do Goberno galego por que o Executivo central non contase coas Comunidades Autónomas para elaborar o Plan de Medidas fronte ao Reto Demográfico presentado o pasado 24 de marzo.

O director xeral explicou que este documento non foi consensuado coas autonomías que son responsables e competentes en moitas das materias que aborda o Plan. Por este motivo, solicitou a convocatoria urxente da Conferencia Sectorial de Reto Demográfico para analizar este texto e formular propostas de mellora. Jacobo Rey asegurou que neste momento o Plan non responde a problemas propios das zonas rurais nin zonas escasamente poboadas, como é o caso de Galicia.

Por outro lado, este documento non está ligado á Estrategia Nacional para el Reto Demográfico, tamén elaborada polo Ministerio de Transición Ecológica y el Reto Demográfico, e á que Galicia fixo achegar para mellorala e adaptala ás necesidades reais das distintas zonas.

 

Imaxes relacionadas