A Xunta rematará no verán as obras do 'Espazo Amizar', un novo centro administrativo de referencia ao servizo dos cidadáns da Coruña que supón un investimento de máis de 7 M€

A rehabilitación da antiga sede da Consellería de Sanidade habilitará 5.800 m² para usos administrativos da Xunta, a oficina de emprego e locais de entidades sociais

As obras ofrecerán unha imaxe completamente renovada do espazo, composto dun edificio con forma de prisma de 5 alturas e outro ovalado con 4 andares, que estarán comunicados por un luminoso patio interior

As instalacións inclúen un salón de actos na planta baixa, común para todos os usuarios, que contará con entrada independente

Ethel Vázquez salienta o bo ritmo das obras, que xa acadan o 55% da execución e supoñen que haxa máis de 40 operarios traballando cada día
 

A Coruña, 27 de abril de 2021

A Xunta rematará no verán as obras do Espazo Amizar, un novo centro administrativo de referencia ao servizos dos cidadáns da Coruña, no que a Administración autonómica está a investir máis de 7 millóns de euros.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, supervisou hoxe as obras de rehabilitación que se están executando na antiga sede da Consellería de Sanidade, na rúa Gregorio Hernández.

Subliñou que o Novo Espazo Amizar se compón de dous edificios, un con forma de prisma, de 5 alturas, e outro con forma ovalada, de 4 andares, que ocupa o interior da parcela. Estarán conectados nos diferentes niveis e cun patio interior moi luminoso.

Con esta rehabilitación, indicou que se dotará á cidade dun espazo administrativo de 5.800 m² que albergará unha oficina de emprego, oficinas administrativas da Xunta e locais para organizacións sanitarias e sociais sen ánimo de lucro.

As instalacións tamén disporán dun salón de actos na planta baixa, común para todos os usuarios, que contará con entrada independente.

Vázquez Mourelle resaltou o bo ritmo das actuacións, que xa acadan o 55% da execución total, unha porcentaxe alta para as obras de edificación onde a certificación se realiza ao final, e precisou que hai máis de 40 operarios traballando cada día.

Concretou que as demolicións están moi avanzadas, restando só o traballo de urbanización; as estruturas están rematadas, así como a fachada e a carpintería interior. Tamén progresan os traballos de illamento e impermeabilización e faltan as instalacións de cadros eléctricos ou da iluminación.

No edificio con forma de óvalo estanse a rematar os peches do volume da cuberta, que aloxa a climatización do edificio e nas instalacións con forma de prisma o avance é algo inferior, debido a que as obras se iniciaron máis tarde, polo traslado do 061.

Avanzou que en maio deberían estar finalizadas a fachada e as cubertas no edificio prisma para a finais dese mes empezar a colocar os teitos e seguir cos pavimentos, a carpintería e os revestimentos.

Lembrou que tamén se rehabilitou outra edificación independente, na zona sur da parcela, de máis de 500 m², que está a ser usada xa desde o pasado mes de setembro como sede da Fundación Pública de Emerxencias Sanitarias de Galicia 061. Salientou que esta actuación contou cun investimento da Xunta de máis de 550.000 € e permite que este servizo sanitario esencial conte con instalacións novas e modernas.

Engadiu que os traballos deste Novo Espazo Amizar se completarán coa urbanización exterior, creando unha praza común con accesos independentes para o edificio administrativo e para a sede do 061 e tamén cunha pequena zona de aparcadoiro. Actuarase no patio interior, favorecendo a permeabilidade e a entrada de luz nos edificios, que verán reformada a súa fachada, ofrecendo unha imaxe renovada de todo o conxunto, mellorando tamén a eficiencia enerxética.

Fixo fincapé en que a Xunta, con esta rehabilitación, está a aproveitar e poñer en valor o patrimonio público e permitindo o aforro de 750.000 euros ao ano en alugueiros na cidade, no marco da aposta pola racionalización do gasto autonómico.

Enmarcou este proxecto na aposta da Xunta por dotar á Coruña de máis e mellores infraestruturas e servizos públicos, referíndose á estación de autobuses intermodal ou ao Novo CHUAC, cun investimento de 431M€ e en cuxa Fase 0 se está avanzando.

Esta actuación da Xunta está cofinanciada con fondos europeos FEDER 201472020.
 

Imaxes relacionadas