A Xunta mellora as beiravías e a accesibilidade na estrada OU-536 en Castro Caldelas
Os traballos, que veñen de adxudicarse cun investimento autonómico de máis de 48.000 euros, comezarán nas vindeiras semanas
O obxectivo é acometer a adecuación funcional dun itinerario peonil na estrada OU-536, no punto quilométrico 47+970, que se corresponde coa avenida de Ourense
Arranxarase o dintel do paso inferior peonil, que está constituído por un forxado de viguetas que conforma a beirarrúa desta avenida
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar as obras de reparación de beiravías e de mellora da accesibilidade na estrada OU-536, en Castro Caldelas.
Os traballos, adxudicados á empresa Extraco Construcións e Proxectos S.A. por un importe de máis de 48.000 euros, comezarán nas vindeiras semanas e desenvolveranse nos próximos 4 meses.
A execución desta intervención terá incidencia no tráfico, polo que se comunicarán as afeccións con antelación ao inicio dos traballos.
Trátase da adecuación funcional dun itinerario peonil na estrada OU-536, no punto quilométrico 47+970, que se corresponde coa avenida de Ourense.
Na marxe esquerda desta vía dirección Ourense, no centro histórico de Castro Caldelas, atópase unha beirarrúa que constitúe o itinerario peonil ata a praza Devesa do Conde. Desta beirarrúa parten unhas escaleiras que van dar a un pasadizo peonil soterrado desde o que se accede a diferentes inmobles cuxa entrada se atopa a un nivel inferior ao da estrada.
No marco destas actuacións, arranxarase o dintel do paso inferior peonil, que está constituído por un forxado de viguetas que conforma a beirarrúa da avenida de Ourense.
Dado o seu deterioro, efectuarase a demolición e executarase unha lousa de formigón armado que constituirá a nova beirarrúa e o dintel do pasadizo peonil.
A Xunta continúa traballando na mellora e conservación das estradas autonómicas coa fin de reforzar a seguridade viaria.