Feijóo recibe os primeiros seis científicos do Programa de atracción de talento que se incorporan aos centros de investigación universitaria de Galicia procedentes de fóra

O presidente da Xunta deulles a benvida a estes investigadores especializados en áreas como a física nuclear, as ciencias da terra ou a nanotecnoloxía e que ata o de agora estaban desenvolvendo o seu labor no Reino Unido, Países Baixos ou Suíza

O Goberno galego pon en marcha por primeira vez este ano o Programa de atracción e retención de talento investigador, dotado con 5M€, que supón a incorporación de 15 investigadores de recoñecido prestixio

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2021

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, recibiu os seis primeiros científicos que se incorporan aos centros de investigación universitaria de Galicia procedentes doutros países e doutras comunidades autónomas, e que están contratados ao abeiro do Programa de atracción e retención do talento da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Acompañado do conselleiro Román Rodríguez, Feijóo deulles a benvida aos seis científicos que “desde xa se poñen a traballar ao servizo de Galicia e do conxunto da sociedade”. “Todos eles son investigadores cunha importante traxectoria profesional nos seus respectivos ámbitos, que agora van a desenvolver o seu labor desde os centros de investigación punteiros que temos na nosa Comunidade”, abondou o presidente da Xunta, que aproveitou para recoñecer a importancia do labor científico que “se puxo de manifesto, aínda máis se cabe, no actual momento de pandemia mundial”.

A Xunta lanzou por primeira vez o ano pasado o Programa de captación e retención do talento investigador, dotado con 5 millóns de euros, co obxectivo de incorporar 15 científicos distinguidos (10 na modalidade de atracción e cinco na de retención) aos seus oito centros de investigación punteiros. Ademais dos cinco de retención, nestes momentos están xa traballando nestes centros seis científicos (a razón de dous por universidade) da modalidade de atracción, mentres que os catro restantes desta modalidade que xa están seleccionados, dispoñen de catro meses para a súa incorporación.

Dous por cada universidade

Así pois, na Universidade da Coruña (UDC), incorporáronse ao Centro de Investigacións Científicas Avanzadas-Instituto de Investigación Biomédicas da Coruña (CICA-INIBIC) un investigador especialista en ciencias da terra e hidroloxía de solos en sistemas agrícolas e forestais procedente da Universidade Wageningen dos Países Baixos, e outro especialista en nanobiotecnoloxía do Centro de Investigación en Biomateriais de San Sebastián e especializado en nanotecnoloxía de carbono e grafenos.

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) conta cun especialista en Física nuclear de altas enerxías pola Universidade de Pekín e procedente da Organización Europa para a investigación nuclear (CERN) que está incorporado ao IGFAE (Instituto Galego de Físicas de Altas Enerxías) e outro procedente do Instituto Catalán de Investigación Científica (ICIQ) que se incorpora ao CIQUS (Centro Singular de Investigación Química Biolóxica e Materiais Moleculares).

Pola súa banda, a Universidade de Vigo (UVigo) incorpora ao CINBIO (Centro de Investigación Biomédica) unha especialista química procedente da Universidade de Zurich, e outro científico procedente da Universidade de Bristol, especialista en economía circular, que se incorpora a ECOBAS (Economics adn Bussiness Administración for Society).

Apoio á carreira científica

Este Programa de retención e atracción do talento forma parte do conxunto de iniciativas da Xunta para o apoio á carreira científica en Galicia, desde o inicio da etapa de formación predoutoral, os contratos posdoutorais e agora esta nova acción para asentar investigadores distinguidos de recoñecida traxectoria profesional nas estruturas de investigación punteiras. De feito, Galicia é a única Comunidade que conta cun programa completo de formación investigadora.

A maiores, o Goberno galego mantén o apoio estrutural e estable dos principais axentes de investigación universitario, o que asegura o seu funcionamento ao longo dos anos coa consolidación de proxectos científicos a medio prazo. Neste ámbito enmárcase a liña de 20,5M€ para financiar o funcionamento dos oito centros de investigación universitaria en Galicia, que son os principais axentes científicos da nosa Comunidade; así como os 24M€ destinados aos 300 grupos de investigación (a escala científica seguinte á dos centros de investigación) funcionando nestes momentos nas universidades galegas.

Imaxes relacionadas