A Xunta apoia a obra ‘Anatomía do pensar II’ que analiza o discurso filosófico en España, Portugal e Latinoamérica

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presenta esta segunda entrega a cargo do filósofo, escritor e decano da Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago, Marcelino Agís

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2021

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe no acto organizado pola Sociedade Interuniversitaria de Filosofía (SIFA) para dar a coñecer o segundo volume da obra Anatomía do pensar. O discurso filosófico e a súa interpretación, do profesor, escritor e filósofo Marcelino Agís, que dá ao prelo Galaxia co apoio da Xunta de Galicia.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade felicitou ao autor “pola magnífica análise que nos achega o pensamento filosófico a través do discurso, das palabras e da lingua galega”, e á Editorial Galaxia por seguir camiñando “con paso firme no ronsel do espírito fundacional de compromiso e de promoción da lingua galega na universalidade, tamén desde a filosofía máis actual e nos camiños iniciados polo grande ideólogo ao que honramos sempre nesta casa, Ramón Piñeiro”, engadiu. Tamén participaron o presidente da Editorial Galaxia, Antón Vidal, e a responsable da edición en galego, Rocío Carolo.

O segundo volume de Anatomía do pensar conclúe o longo ensaio filosófico no que se analiza o modo de pensar a través dos elementos que integran e caracterizan o discurso filosófico, iniciado no volume primeiro, tamén editado por Galaxia en 2020: autor, lector, argumentación, estilo, importancia do diálogo etc. Agora, presta atención á recepción e á interpretación das obras filosóficas, desde o mundo grego clásico ata a contemporaneidade. Trátase dunha novidosa orientación que deu lugar a unha historia da filosofía alternativa, construída desde a perspectiva dos lectores e lectoras das obras filosóficas, nomeadamente, dos pensadores máis destacados da filosofía oriental.

Pensamento actual

A obra ofrece tamén por primeira vez unha panorámica da filosofía da interpretación en España, Portugal e nos países latinoamericanos, comprobando a gran vixencia da hermenéutica como unha das correntes máis vizosas do pensamento actual. Especial mención merece a atención que se lle presta á denominada Hermenéutica compostelá, iniciada polo filósofo Carlos Baliñas Fernández, á que tamén pertence o autor do libro.

Marcelino Agís Villaverde é catedrático de Filosofía e decano desta facultade na USC. Ten publicada unha ampla obra filosófica, traducida a varias linguas e recibiu o Premio Concepción Arenal en Investigación en Humanidade. Actualmente o presidente da Sociedade Universitaria de Filosofía (SIFA) e do Foro de Pensamento Galicia Milenio, así como vicepresidente da Academia Xacobea.
 

Imaxes relacionadas