Feijóo chama a empregar os fondos europeos para consolidar a importancia crecente do sector audiovisual en Galicia

O presidente do Goberno galego mantivo un encontro con empresas de referencia no eido audiovisual coas que analizou a actual situación e os vindeiros retos

Coincide en que esta industria, cun peso específico para a economía galega, é un exemplo de madurez, talento e profesionalidade

A Xunta impulsa un novo hub audiovisual dotado con 9,6M€ para acelerar a reactivación do sector e incrementar a súa competitividade
 

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2021.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, mantivo hoxe un encontro coas principais empresas de referencia no eido audiovisual co fin de coñecer a súa situación e encarar xuntos os retos do futuro. Na reunión, na que estivo acompañado polo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, fixo un chamamento para empregar os fondos europeos para consolidar a importancia crecente do sector en Galicia e se avanzou no deseño do hub audiovisual, un proxecto ao que o titular do Goberno se referiu como unha peza clave para consolidar a industria na Comunidade.

Así, o representante da Xunta reuniuse con representantes de cinco empresas punteiras no mundo audiovisual como son Portocabo, CTV, Vaca Films, Ficción Produccións e Bambú. Todas elas coincidiron co presidente no peso específico que supón este sector para a economía galega e no bo momento que vive a industria cunha importancia estratéxica indiscutible demostrando ser un exemplo de madurez, talento e profesionalidade.

Do mesmo xeito, o encontro serviu para que as entidades convocadas puidesen expoñer as súas iniciativas para o novo hub da industria cultural, un proxecto impulsado pola Xunta dentro do programa REACT da Unión Europea co obxectivo de acelerar a reactivación do sector e incrementar a súa competitividade. Trátase dunha das principais medidas audiovisuais da Administración autonómica que, cun investimento de 9,6M€, pretende xerar sinerxías positivas neste sector profesional galego a través dun proceso colaborativo que permita incrementar as súas capacidades.

A previsión é desenvolver este hub ao longo de toda a lexislatura co obxectivo de colaborar este mesmo ano co financiamento dos mellores proxectos para así seguir consolidando a boa imaxe que a industria cinematográfica galega ten na crítica nacional e internacional. Así mesmo, a iniciativa impulsará a mellora da competitividade de outras empresas culturais e xerará novos postos de traballo.

Apoio a toda a cadea de valor

O apoio ao sector audiovisual enmárcase no compromiso do Goberno galego co sector cultural e que se reflicte no orzamento da Axencia Galega das Industrias Culturais, que medra un 85% ata case os 22M€. Así, grazas a esta achega, a Xunta de Galicia ten en marcha diversas liñas de axuda por máis de 3 millóns de euros que inclúen toda a cadea de valor apoiando aos proxectos audiovisuais desde o seu nacemento ata a súa promoción e difusión en mostras e festivais pasando polo desenvolvemento, produción e coprodución.
 

Imaxes relacionadas