A Xunta enviará nos vindeiros días un carriño de cultivo cos seus complementos a 107 centros escolares de Galicia

Está dotado con regador, pa, anciño, substrato e sementes de froitas e verduras, para que o propio alumnado aprenda a plantar diversos produtos vexetais

Esta iniciativa está enmarcada dentro do programa de consumo de froitas e hortalizas nas escolas, que cofinancian a Unión Europea e o Goberno galego

No presente curso 2020/2021 participan máis de 160.000 alumnos e alumnas de 422 centros escolares

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2021

A Consellería do Medio Rural enviará nos vindeiros días un carriño de cultivo cos seus complementos - regador, pa, anciño, substrato e sementes de froitas e verduras- a un total de 107 centros educativos de Galicia, no marco do programa de consumo de froitas e hortalizas nas escolas.

Neste senso, cabe salientar que no presente curso 2020/2021 e dentro deste programa, que cofinancian a Unión Europea e a Xunta, participan máis de 160.000 alumnos e alumnas de 422 centros escolares aos que 52 provedores lles subministran durante varios días froitas para consumir durante os recreos.

Deste xeito, os cativos aprenderán a plantar as súas propias froitas e verduras, que logo poderán consumir a maiores da que reciben mediante este programa. En concreto, no carriño que se lles entrega irán sementes de amorodos, tomates, cenorias, ourego e leitugas.

O obxectivo xeral deste programa é potenciar o consumo de froita e castañas entre os nenos e a mocidade, creando así hábitos alimenticios saudables que poidan manter no futuro. Neste senso, optarase preferentemente pola distribución de produtos galegos, que empreguen na súa obtención sistemas de produción sustentables e respectuosos co medio ambiente. Ademais deste plan, está tamén o de consumo de leite nas escolas que persegue unha maior consumición deste produto entre o alumnado e dar a coñecer as bondades do consumo de leite.

Así, cada ano, miles de alumnos galegos de infantil, primaria e secundaria obrigatoria consomen froita e leite nos centros onde estudan grazas a estas axudas que xestiona o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), dependente da Consellería do Medio Rural. En concreto, as achegas para este curso escolar son de 866.000 euros no apartado do leite e de 645.000 euros no caso da froita e castañas.