A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o decano deste colexio profesional asinaron un convenio

A Xunta e o Colexio de Rexistradores da Propiedade prorrogan a súa colaboración para avanzar na dixitalización da información dos títulos propietarios

Cooperarán nos vindeiros catro anos no intercambio de información gráfica e alfanumérica en materia urbanística

Ambas entidades tamén acordaron colaborar na tramitación das axudas ao alugueiro para persoas afectadas pola covid-19

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2021

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Colexio de rexistradores da propiedade prorrogan a súa colaboración para avanzar na dixitalización da información dos títulos propietarios.

A conselleira, Ángeles Vázquez, e o decano do Colexio, Hermes Rego, asinaron o convenio polo que se prorroga esta colaboración que naceu no ano 2015 e que se manterá, como mínimo, catro anos máis. Durante o momento da firma tamén estivo presente o director da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, Jacobo Hortas.

Segundo manifestou a conselleira, a experiencia dos últimos seis anos resultou ser moi positiva, polo que defendeu a necesidade de mantela para obter e xestionar información gráfica e alfanumérica en diferentes materias, como o urbanismo, o territorio ou o medio ambiente.

Explicou que habilitar medios electrónicos e compartir a información dun xeito dixital, ademais de facilitar unha maior eficiencia e axilidade, é unha liña de actuación para avanzar na senda dunha tramitación sostible e respectuosa co medio ambiente.

Ánxeles Vázquez destacou que este acordo ten vantaxes para os rexistradores, aos que se lles facilita o cumprimento da obrigatoriedade de proporcionar estes datos, e para a Administración galega, que obtén unha información correcta para o exercicio das súas funcións.

Axudas ao alugueiro

Así mesmo, a conselleira salientou que esta colaboración se estende máis alá do ámbito urbanístico, centrándose na vivenda. Así, o Instituto Galego de Vivenda e Solo traballará con este colectivo profesional para axilizar a tramitación de axudas ao alugueiro para persoas afectadas pola pandemia da covid-19.

O obxectivo é aforrar aos solicitantes temo e o pago das taxas correspondentes para poder obter para poder obter unha nota simple que acredite que non son propietarios dunha vivenda.

Para rematar, destacou a importancia de establecer canais de colaboración nun momento, como o actual, no que é imprescindible traballar de forma unida e conxunta para achegar solucións e oportunidades aos galegos, sobre todo a quen máis o necesita.

Asemade, os rexistradores trasladaron á conselleira á necesidade de articular medidas que acaban co fenómeno da ocupación de vivendas e se facilite un marco de seguridade a aqueles arrendatarios que desexen poñer a disposición do mercado do alugueiro os inmobles desocupados.

Imaxes relacionadas