A Cidade da Cultura celebra unha xincana familiar para dar a coñecer a Vía da Prata, que discorre paralela ao Monte Gaiás

Un total de 16 familias inscribíronse para descubrir esta fin de semana as etapas desta Ruta Xacobea, a través de xogos tradicionais e populares

A primeira xincana celebrouse o sábado e esta tarde repítese con novas familias, que deberán superar retos divertidos ao redor deste tramo do Camiño

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2021

A Cidade da Cultura está a celebrar esta fin de semana unha xincana para familias co obxecto de darlles a coñecer de xeito divertido a Vía da Prata, ruta do Camiño de Santiago que transcorre paralela ao Monte Gaiás, xa que entra a Santiago polo barrio compostelán de Sar.

Un total de 16 familias inscribíronse nesta actividade na que se propón superar en equipo divertidas e enxeñosas probas, vencelladas con xogos tradicionais e populares de seis das localidades polas que discorre esta Ruta Xacobea ata chegar a Santiago: A Gudiña, Laza, Vilar de barrio, Ourense, Cea e Bendoiro. Deste xeito, a tarde de onte, entre as 16,00 e 20,00 horas, oito familias foron as primeiras en participar en equipos de non máis de catro persoas −pola situación actual da pandemia− para ir superando retos, como resolver a construción dun dolmen ou saír vitoriosos de xogos tan populares, como o tiralatas ou o metediscos. Así, ademais de ir avanzando nas etapas, descubriron actividades de lecer tradicionais, que lles pode interesar incorporar ao tempo compartido en familia.

Na xincana da tarde de hoxe, oitos novas familias repetirán a experiencia para levarse como recordo, ao igual que as do sábado, unha divertida experiencia e unha orixinal Compostela, pola súa participación na Xincana do Camiño, actividade enxerida na programación de celebración Xacobeo 21-22 realizadas desde a Cidade da Cultura.

Vencello da Cidade da Cultura co Camiño de Santiago

A Cidade da Cultura de Galicia ten unha relación moi estreita co Camiño de Santiago e co casco histórico de Compostela. Desde o cumio do Monte Gaiás non só se establece un contacto visual directo coa zona antiga da cidade, albiscándose a Catedral, senón que a parte oeste está moi próxima á Vía da Prata, que transcorre paralela.

Deste xeito, son numerosas as accións culturais que desde a Cidade da Cultura se fan para fornecer este vencello co Camiño de Santiago: desde esta xincana familiar ao ciclo xa consolidado de Reb/veladas na paisaxe, baseado en intervencións artísticas nos espazos naturais do Gaiás e que en maio inaugura a súa terceira edición; ou a instalación que acollen actualmente as Torres Hejduk, O perpetuo tránsito cara ao presente, que ten unha lectura moi pegada ás experiencias vitais que supón facer calquera tramo destas rutas.

Imaxes relacionadas