A porcentaxe de participación na OPE para a categoría de persoal de servizos xerais, na quenda de discapacidade intelectual, supera o 68%

Presentáronse 101 opositores dos 148 que estaban admitidos

Silleda (Pontevedra), 24 de abril de 2021

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña visitou hoxe o recinto da Feira Internacional de Galicia en Silleda, onde se celebraron os exames do concurso oposición correspondentes á categoría de persoal de servizos xerais, na quenda de discapacidade intelectual e na que se convocaron nove prazas. Dos 148 aspirantes admitidos nas probas, presentáronse un total de 101 o que supón unha participación do 68,24%.

O conselleiro, que estivo acompañado pola directora xeral de Recursos Humanos da Consellería de Sanidade, Ana Comesaña, agradeceu aos participantes o esforzo realizado para presentarse a estas probas. Amosou, ademais, a súa satisfacción por poder contar no Servizo Galego de Saúde cos profesionais que consigan as nove prazas convocadas, animando ao resto dos aspirantes que non o consigan a seguir intentándoo.

Como en anteriores procesos selectivos, para dar cumprimento ás esixencias de obxectividade e imparcialidade na selección das persoas aspirantes, reforzáronse as medidas de seguridade coa posta a disposición dos tribunais de selección dunha plataforma securizada para a elaboración de cada un dos exercicios da fase de oposición, garantindo deste xeito o seguimento de todo o proceso, así como a selección aleatoria e automatizada das preguntas do exame.

Imaxes relacionadas