Medio Ambiente asesorará a Covelo no desenvolvemento dunha nova bolsa de solo no polígono industrial das Medelas

Ángeles Vázquez trasladoulle ao rexedor que o Instituto Galego da Vivenda e Solo axudará á Administración local nos trámites necesarios para iniciar o estudo de viabilidade deste proxecto

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2021

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda asesorará ao Concello de Covelo no desenvolvemento dunha nova bolsa de solo industrial no polígono das Medelas.

Así llo trasladou, nunha reunión celebrada esta semana, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, ao alcalde, Pablo Castillo, quen indicou que en breve iniciará o estudo de viabilidade necesario para a plena incorporación da actuacións ao Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais. Nese sentido, Vázquez Mejuto ofreceulle a axuda e colaboración técnica do Instituto Galego da Vivenda e Solo para cooperar nos trámites necesarios.

A responsable de Medio Ambiente felicitou ao rexedor por impulsar o desenvolvemento de novo solo industrial para as empresas que pretendan asentarse neste concello e recordou que xa conta coa aprobación definitiva do plan parcial.

Na reunión tamén se abordou unha cuestión fundamental, como é a riqueza medioambiental do concello. Nese sentido, a conselleira e o alcalde analizaron os puntos de vista e as ferramentas normativas dispoñibles, de cara a establecer estratexias de protección do medio e a paisaxe, un traballo que se debe facer en base a unha planificación orientada a un futuro inmediato.
 

Imaxes relacionadas