A Xunta investirá preto de 900.000 € na rehabilitación integral do CEIP de Figueroa, na Estrada, cuxas obras comezarán no verán

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, explicou que as actuacións previstas abranguen o illamento térmico do edificio e unha mellor ventilación, o que repercutirá na mellora do confort para os alumnos e os docentes

Salientou que estas obras se van axustar ás directrices do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, no que fixa o novo modelo de escolas para os vindeiros anos, máis sustentables, accesibles e inclusivas e preparadas para os retos tecnolóxicos do futuro
 

A Estrada (Pontevedra), 23 de 2021

A Xunta de Galicia vai investir preto de 900.000 euros na rehabilitación integral do colexio de Figueroa, na Estrada, que abrangue unha mellora do illamento do edificio así como da ventilación, “o que repercutirá de xeito directo no confort dos seus usuarios, os 445 alumnos de infantil e primaria e os 31 profesores que están día a día neste colexio”, sinalou o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, que esta tarde se achegou ao colexio para explicarlle o proxecto ao equipo directivo.

Na visita, na que estivo acompañado do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López, Román Rodríguez avanzou que a previsión é que, logo da adxudicación do proxecto, as obras dean comezo a principios de verán, “polo que antes de finais de ano A Estrada contará cun colexio totalmente renovado e aliñado coas esixencias de sustentabilidade que establece o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica nos centros educativos e que suporá unha inxección de 191M€”.

Lembrou que este plan −agora mesmo en fase de presentación aos distintos colectivos para o seu enriquecemento− é unha iniciativa pioneira co que buscamos reforzar un novo modelo de colexios e institutos na etapa poscovid, con espazos máis amplos e saudables, máis accesibles e, sobre todo, onde arquitectura estea ao servizo dos proxectos educativos”. Así mesmo, no que atinxe á parte académica, o conselleiro explicou que neste plan vai ter un especial protagonismo a transformación dixital, coa dotación de polos creativos e espazos maker, para favorecer o desenvolvemento das competencias dixitais e cumprir cos retos STEM (competencias matemática, científica e tecnolóxica).

Así pois, o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, que contempla un investimento de 191M€ para esta lexislatura, será a folla de ruta que rexerá para todas as obras educativas para os próximos anos, sexan de rehabilitación, de ampliación ou de nova construción.

Preto dun 73% de aforro enerxético e redución dun 80% de emisións de CO²

No que atinxe ao proxecto do CEIP de Figueroa, as actuacións dirixidas á mellora da eficiencia enerxética abranguen o illamento do edificio coa colocación de lá de roca no forxado, o illamento exterior das fachadas, e a substitución da parte da cuberta actual que quedaba pendente de renovar por outra de panel tipo sandwich. Así mesmo procederase á renovación das carpinterías exteriores coa instalación dunhas de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo, e á instalación de iluminación LED con equipos de regulación e detección de movemento. Tamén se substituirá a actual caldeira de gasóleo por outra de biomasa.

Con todas estas medidas combinadas lograrase unha importante mellora da eficiencia enerxética do edificio ao tempo que se reducen as emisións de CO2. Deste xeito, as medidas suporán preto dun 73% de aforro no relativo ao consumo de enerxía non renovable e máis dun 80% nas emisións de CO².

Finalmente procederase ao pulido do pavimento e ao pintado de paramentos e portas en cores claros, que serán neutros no interior e brancos no exterior.

Esta obra engádese ás melloras que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade levou a cabo nos últimos anos neste centro educativo, que suman un investimento de case 222.000 euros en intervencións como a adaptación do espazo de comedor, a reforma das cubertas do edificio e do pavillón ou a reforma da instalación eléctrica entre outros.

Imaxes relacionadas