Luis López solicita colaboración social co mercadiño solidario de libros da Fundación Juan XXIII de Pontevedra

O delegado territorial da Xunta asiste a esta iniciativa da entidade no quiosco da rúa Loureiro Crespo con motivo do Día Internacional do Libro

“Hoxe mistúranse dúas cuestións de vital importancia: o traballo de integración da xente con discapacidade e a literatura como ferramenta para mellorar o mundo, así que convido aos pontevedreses a que respalden esta iniciativa”, di Luis López
 

Pontevedra, 23 de abril de 2021

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López, solicitou publicamente a colaboración e apoio social e cidadá coa iniciativa de venda de libros de segunda man impulsada pola Fundación Juan XXIII de Pontevedra e que hoxe tivo un formato especial de mercadiño solidario con motivo do Día Internacional do Libro.

“Hoxe mistúranse dúas cuestións que considero de vital importancia no actual marco social: o inxente traballo de integración, especialmente no eido laboral, da xente con discapacidade promovido pola Fundación Juan XXIII e o enorme peso da literatura e dos libros como fonte de coñecemento, símbolo de progreso e ferramenta para mellorar o noso mundo”, explicou o representante autonómico, que quixo facer un chamamento “para convidar a todos os pontevedreses a que respalden masivamente esta actividade”.

O delegado territorial celebrou o Día Internacional do Libro asistindo ao mercadiño solidario de venda de libros de segunda man impulsado pola entidade na contorna do quiosco do Hospital Provincial, emprazado na rúa Loureiro Crespo, na compaña do director da Fundación Juan XXIII, Diego Chapela.

“Hoxe é un día especial coa organización deste mercadiño, pero esta proposta deste colectivo está vixente todo o ano e pódese colaborar coa compra de libros de segunda man nos seus quioscos en calquera momento, incluso beneficiándose de descontos coa tarxeta de 'doante de oportunidades', contribuíndo deste xeito á integración social e laboral dos seus usuarios e, por suposto, gozando dun bo libro”, significou Luis López.
 

Imaxes relacionadas