Preto de 11.ooo persoas están chamadas a participar nos cribados de detección da covid nesta fin de semana

En canto ao Plan de vacinación que está levando a cabo a Xunta de Galicia, mañá está previsto administrar 11.188 doses

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2021

A Xunta de Galicia continúa a adoptar medidas para facer fronte a expansión do coronavirus na comunidade galega. Deste xeito, nesta fin de semana, 10.725 persoas están chamadas a participar nos cribados que procuran identificar novos casos asintomáticos entre a poboación.

O maior dos cribados terá lugar na área sanitaria de Vigo, onde a Dirección Xeral de Saúde Pública convocará o domingo, no concello do Porriño, a 7.000 persoas, con idades a partires dos 16 anos, para a realización de probas diagnósticas.

Na área sanitaria de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras, hai citadas, mañá sábado, 900 persoas en Cartelle, 600 en Lobios, 400 en Muíños e 150 en Lobeira, todos con idades comprendidas entre os 18 e os 75 anos.

No que atinxe á área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, Saúde Pública convocou para a realización de probas PCR a 1.445 persoas o domingo, no concello de Cambados, con idades comprendidas entre os 20 e os 29 anos. Na área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, concretamente no concello de Lugo, están chamadas 230 persoas, o sábado e o domingo, con idades entre os 60 e os 80 anos.

Así mesmo, continúan outros cribados que comezaron xa hai días, como o da cidade da Coruña, 4.250, e o da cidade de Vigo, ao que se convocaron 8.000 persoas.

En canto ao Plan de vacinación que está levando a cabo a Xunta de Galicia, mañá está previsto administrar 11.188 doses, das que 10.938 son de Pfizer, 150 de Janssen e 100 de Moderna.

Imaxes relacionadas