A Xunta licita por 1,2 millóns de euros os contratos para a renovación de 200 novas marquesiñas de autobús na comunidade

A iniciativa prevé a fabricación destes refuxios a partir dun deseño integrado nas contornas rurais para proceder, posteriormente, á súa distribución

As empresas interesadas na fabricación e subministro poden presentar as súas ofertas ata o 26 de maio

Con esta nova licitación dáselle continuidade á primeira fase, na que se dispuxeron 152 marquesiñas, con versións rurais e urbanas, en diferentes municipios

A intervención, enmarcada no Plan de mellora de refuxios de paradas dos servizos de transporte público, facilitará a espera do autobús por parte dos usuarios
 

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licita por 1,2 millóns de euros os contratos para a renovación de 200 novas marquesiñas de transporte público na Comunidade.

As empresas interesadas na fabricación e subministro dos novos refuxios poderán presentar ata o vindeiro 26 de maio as súas ofertas a este contrato cuxo prazo de execución é de 20 meses.

A iniciativa prevé a fabricación destes refuxios a partir dun deseño integrado nas contornas rurais para proceder, posteriormente, á súa distribución.

Ademais do contrato de fabricación e subministro, no día de hoxe a Xunta licita tamén o contrato de servizo de asistencia técnica para eses traballos, para o que se establece un prazo de presentación de ofertas que finaliza o 11 de maio.

Esta nova iniciativa súmase á primeira fase, impulsada en 2018, mediante a que xa se instalaron un total de 152 refuxios, con deseños para ámbitos urbanos ou rurais, en diferentes concellos de Galicia.

Estas intervencións enmárcanse no Plan de mellora de refuxios de paradas dos servizos de transporte público que está a impulsar o Goberno galego co obxectivo da creación dunha imaxe recoñecible das marquesiñas de Galicia.

A Consellería de Infraestruturas, a través da Dirección Xeral de Mobilidade, achégalles as marquesiñas aos concellos para que as instalen e asuman a súa conservación e mantemento.

Trátase de instalacións axeitadas ás paradas das liñas dos servizos de transporte interurbano de viaxeiros por estrada que ofrezan ao usuario unha protección fronte as inclemencias meteorolóxicas e melloren a comodidade durante a espera.

As marquesiñas contan cun deseño integrado na paisaxe, incluíndo materiais autóctonos como a madeira.

O Goberno galego, que vén de completar o Plan de Transporte Público de Galicia, continúa traballando na modernización dos servizos e das infraestruturas do transporte para responder de xeito eficiente ás necesidades reais dos cidadáns en materia de mobilidade.
 

Imaxes relacionadas