A Xunta apoia o crecemento da agricultura ecolóxica e valora a súa consolidación como tendencia de consumo tamén en Galicia

O Goberno galego mantén a súa aposta polo crecemento do ecolóxico a través de diferentes liñas de traballo centradas na calidade e en medidas legais como as futuras leis de recuperación da terra agraria e da calidade alimentaria

José González lembrou que a Xunta mantén aberta a Manifestación de interese para que as pemes do sector primario -e dentro del tamén as do ecolóxico- presenten iniciativas que sexan susceptibles de optar a fondos europeos
 

Monforte de Lemos (Lugo), 23 de abril de 2021

O consumo de produtos ecolóxicos “non é unha moda, é unha tendencia”. Así o afirmou hoxe o conselleiro do Medio Rural, José González, na presentación dos datos do Barómetro correspondente ao ano 2020 do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), que tivo lugar en Monforte de Lemos, coa participación do director xeral da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) José Luis Cabarcos. Na presentación participaron tamén o presidente do Craega, Francisco Valladares, e o seu secretario, Javier García.

Neste acto, o conselleiro salientou ademais que esta tendencia de consumo vincúlase a “un crecemento imparable do ecolóxico na nosa comunidade e tamén fóra dela, malia as dificultades xeradas pola crise sanitaria”. Neste sentido, José González trasladou que este Barómetro confirma que, á hora de tomar decisións e facer a compra, os consumidores galegos non teñen “dúbida posible” entre “a calidade e pagar uns céntimos de menos” e que valoran especialmente a “orixe verdadeiramente natural dos produtos”.

Ademais, destacou tamén “a importancia dos alimentos que consumimos” e as súas “implicacións básicas na saúde humana”. Precisamente o Barómetro confirma que a preocupación pola saúde, xunto coa calidade, é un dos factores determinantes á hora de optar polos produtos ecolóxicos. O conselleiro puxo en valor, así mesmo, o compromiso destas producións polo respecto “ao medio ambiente, ao benestar animal e ao solo”, entre outros elementos diferenciadores.

Apoio da Xunta

Nesta liña, José González apuntou que a Xunta mantén a súa aposta polo crecemento do ecolóxico a través de diferentes liñas de traballo da Consellería do Medio Rural. Entre elas, mencionou o compromiso pola calidade e polos selos diferenciados “que protexen e posicionan os nosos produtos no mercado”. Tamén, neste mesmo sentido, destacou a próxima actualización da Lei da calidade alimentaria. Esta norma será -dixo- “a que rexa a calidade diferenciada en Galicia, mellorando, integrando e desenvolvendo a súa regulación para reforzar a posta en valor dos produtos de calidade a través do apoio ás denominacións de orixe protexidas, ás indicacións xeográficas protexidas e todas aquelas figuras de protección”.

Ademais, o conselleiro lembrou a aposta do Goberno galego pola recuperación, que segundo sinalou “se materializa na futura Lei de recuperación da terra agraria de Galicia”, actualmente en tramitación parlamentaria. Todo este corpo lexislativo, engadiu, “permitirá recuperar áreas de terra en desuso, coa garantía de que nelas vai desenvolverse actividade agrogandeira e forestal con valor engadido” e repercutirá, polo tanto, no impulso e reforzo de eidos como o da agricultura ecolóxica.

A maiores, José González lembrou que a Xunta mantén aberta -ata o vindeiro día 30 de abril- a Manifestación de interese para que as pequenas e medianas empresas do sector primario e agroalimentario galego presenten iniciativas que sexan susceptibles de acollerse ao Plan de recuperación, transformación e resiliencia, deseñado para optar a fondos europeos e facer fronte aos efectos da covid-19. E engadiu que se trata de “agrupar a todos os nosos agricultores e gandeiros que teñan demanda de base territorial -e tamén os de ecolóxico- para poder completar a nosa aposta cara a obter fondos europeos Next Generation”.
 

Imaxes relacionadas