O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade inaugurou a XXXI Feira do Libro de Ferrol coincidindo coa celebración do Día internacional do Libro

Román Rodríguez agradece ao sector do libro “o seu compromiso intacto para amosar o mellor das letras”

A de Ferrol é a primeira das citas do calendario impulsado pola Xunta e Federación de Libreiros de Galicia que inclúe 12 paradas ata agosto

Unha trintena de autores asinarán exemplares ata o 25 de abril nunha programación que inclúe tamén a participación de 5 librarías

Co gallo desta efeméride, a Xunta vén de galardoar co Premio dos Clubs de Lectura a Eva Mejuto por ser a autora máis lida nas bibliotecas escolares o pasado curso

Ferrol (A Coruña), 23 de abril de 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, inaugurou hoxe, coincidindo coa celebración do Día internacional do Libro, a XXXI Feira do Libro de Ferrol, a primeira das citas do calendario impulsado pola Xunta e a Federación de Libreiros de Galicia baixo o lema Libros no Camiño que inclúe un total de 12 paradas en diferentes cidades e vilas da Comunidade galega.

O responsable de Cultura da Xunta de Galicia aproveitou a ocasión para felicitar ao sector do libro pola súa “enorme fortaleza e capacidade para adaptarse á situación sanitaria e, pese a covid-19, seguir celebrando eventos como o inaugurado hoxe en Ferrol”. “Esta feira demostra o enorme esforzo feito polo noso sector editorial para recuperar paulatinamente a normalidade e seguir achegando á cidadanía o traballo de todos os axentes implicados no sector”, afirmou Román Rodríguez antes de engadir que “esta é unha cita que mantén intacta a súa esencia para amosar ao mundo o mellor das nosas letras”.

Do mesmo xeito, o conselleiro fixo un chamamento a toda a cidadanía para que, sexa cal sexa a súa motivación, aposten por “mercar libros, desfrutar da lectura e acudir a esta feira e ao resto de citas que terán lugar durante os próximos meses para devolverlle ao sector o moito que fixeron por nós durante os meses de confinamento abrindo unha porta desde a que evadirse e desfrutar”.

Para rematar, Román Rodríguez lembrou que Galicia foi a primeira Comunidade en aprobar un Plan de Reactivación para o sector cultural que incluía unha batería de medidas específica para o sector do libro. “No Goberno galego sempre tivemos claro a importancia de apoiar ao sector e por iso ao abeiro deste plan neste momento temos en marcha ou en previsión preto dunha decena de liñas de axudas mediante unha achega de preto de 1,4M€ para impulsar e dinamizar o sector”, explicou.

A XXXI Feira do Libro de Ferrol poderá visitarte ata o domingo 25 de abril na Praza da Constitución. A programación deseñada pola Federación de Libreiros de Galicia co apoio da Xunta inclúe a asistencia dunha trintena de autores para asinar exemplares e a participación de Libraría Pedreira, Day Libraría Papelería, Libraría Cortizas, Libraría Galiano e Metropolis Comic Ferrol. Ademais, todos os asistentes contarán cun 10% de desconto nas súas compras.

Tras o seu paso por Ferrol, o circuíto das Feiras do Libro de Galicia 2021 continuará en Santiago de Compostela, O Porriño, Ourense, Redondela, Vigo, Ponteareas, Rianxo, A Coruña, Viveiro e Foz. A última das citas terá lugar no mes de agosto en Monforte de Lemos.

Ademais destas citas, o sector literario de Galicia tamén estará presente nas Feira Liber, en Madrid, e na Feira de Frankfurt, previstas para o vindeiro mes de outubro.

Clubs de Lectura 2021

Co gallo da celebración do Día Internacional do Libro, a Xunta vén tamén de conceder o Premio dos Clubs de Lectura 2021 a Eva Mejuto, por ser a autora máis lida no pasado curso nestes grupos creados nas bibliotecas escolares galegas. Trátase dun galardón posto en marcha no ano 2015 co obxectivo de recoñecer o labor dos autores galegos que facilitan cos seus libros a función do profesorado como mediadores de lectura e que concitan o interese das lectoras e dos lectores que participan nos clubs de lectura.

Nada en Sanxenxo en 1975, Eva Mejuto é doutora en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela e, desde 2017, coordinadora do Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. É autora de diversas adaptacións de contos tradicionais a álbums ilustrados, traducidos a máis de dez idiomas. En 2017 iniciou unha andaina nova no eido da literatura xuvenil coa obra 22 segundos, a primeira obra de literatura infantil e xuvenil galega que trataba a temática dun mozo Trans. En 2019 publicou en Xerais Memoria do silencio, coa que resultou finalista do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil. A casa da mosca chosca (Kalandraka, 2002), Memoria do silencio (Xerais, 2019) e Corre, corre, cabaciña (OQO Editora, 2006) están entre as súas obras máis coñecidas.

Actividades en bibliotecas e museos

Ademais, o Goberno galego tamén celebra esta cita cun amplo abano de actividades online abertas a toda a cidadanía co fin de fomentar a lectura entre a sociedade e seguir dándolle todo o protagonismo que merece. Así, as bibliotecas, museos e arquivos xestionados polo Goberno galego contan estes días cunha programación que inclúe mostras, encontros, obradoiros, contacontos, concurso en redes sociais, publicacións ou recomendacións literarias.

Imaxes relacionadas