A Xunta finalizará a segunda fase do edificio de Benito Corbal en xuño con espazos destinados á universidade e á Fundación Moldes

O vicepresidente primeiro visitou os traballos xunto co reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa

As antigas dependencias da Xunta en Pontevedra dispoñen de espazos de uso cultural, social, educativo e laboral

Alfonso Rueda salientou que a Universidade “queda definitivamente asentada no centro de Pontevedra” coa cesión de tres plantas no edificio

Pontevedra, 23 de abril de 2021

A Xunta finalizará a segunda fase do edificio de Benito Corbal en xuño con espazos destinados á Universidade de Vigo e á fundación Manuel Moldes, co que completa a rehabilitación do inmoble para convertelo nun espazo de encontro e prestacións para os cidadáns de Pontevedra.

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, visitou hoxe xunto co reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, os andares que a Administración autonómica pon ao servizo da institución académica. Serán, en concreto, as plantas 5ª, 6ª e 7ª, as únicas que aínda están en obras e que quedarán rematadas a finais de xuño, unha vez concretados os usos e a distribución de espazos que precisa UVigo.

O pasado 16 de abril autorizáronse obras de mellora sobre o proxecto inicial neses tres andares, polo que a Xunta eleva a consignación inicial de 900.000 euros a algo máis dun millón na segunda fase dos traballos, a que afecta ás plantas destinadas á Universidade e ao último piso, que vai ser cedido en breve á Fundación Manuel Moldes.

En total, a Xunta inviste 5,8 millóns de euros na rehabilitación dun edificio eficiente e funcional con espazos de uso cultural, social, educativo e laboral.

Na primeira fase das obras, rematada no ano 2019, acondicionouse o soto para usos xerais e para salón de actos, así como as plantas que van da 1ª á 4ª, onde se situaron as oficinas de emprego e os locais das 28 asociación xa instaladas, cunha inversión de 4,8 millóns.

A segunda fase, a piques de rematar, afecta ás plantas 5ª, 6ª e 7ª, que a Xunta cederá á Universidade por vinte anos, e á 8ª, acondicionada para acoller a obra do recoñecido artista Manuel Moldes e que se cederá á fundación que leva o seu nome por dez anos.

O vicepresidente primeiro manifestou a súa “satisfacción” por darlle unha nova vida ás antigas dependencias da Xunta en Pontevedra e por devolverlle aos seus habitantes un inmoble céntrico e moderno co que se pretende achegar servizos e prestacións á cidadanía. Alfonso Rueda salientou que a Universidade “queda definitivamente asentada no centro de Pontevedra” coa cesión de tres plantas no edificio.

Imaxes relacionadas