O conselleiro de Educación reúnese con representantes de empresarios e da Universidade para presentarlles as liñas de traballo en materia de FP

A Xunta destaca a creación de dous centros integrados e a acreditación do campus industrial como unha oportunidade para dar pulo á formación profesional na comarca de Ferrolterra

Avoga polo establecemento dunha corrente de transferencia de coñecemento entre FP, empresas e Universidade

Salienta a importancia da colaboración co tecido empresarial na configuración da oferta de FP, tanto dos novos CIFPs Leixa e Fraga do Eume, como do Ferrolterra e Rodolfo Ucha Piñeiro

Sinala o fortalecemento da FP dual como unha das liñas prioritarias do Goberno galego

Solicita a colaboración do empresariado na formación do profesorado de másteres de FP
 

Ferrol, 23 de abril de 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, reuniuse hoxe no CIFP Ferrolterra con representantes de empresas, confederacións e asociacións de empresarios e da Universidade da comarca de Ferrolterra para presentarlles as liñas de traballo que a Xunta está a desenvolver en materia de Formación Profesional e para solicitarlles a máxima colaboración neste labor.

O titular do departamento educativo do Goberno galego destacou, neste sentido, que a creación de dous novos Centros Integrados de FP (CIFP) –os actuais institutos Leixa e Fraga do Eume– e a recente acreditación do Campus Industrial de Ferrol representan unha nova oportunidade para dar pulo a estas ensinanzas na comarca. Neste sentido, avogou por “establecer unha corrente constante de transferencia de coñecemento a tres bandas, FP, tecido produtivo e Universidade, que pode ser moi proveitosa para todos”.

Román Rodríguez destacou que a Xunta quere seguir estreitando a colaboración co tecido empresarial e escoitar as súas propostas en materia de Formación Profesional, “tanto para estes dous novos CIFP, como para os que xa están a funcionar con éxito, o Ferrolterra e o Rodolfo Ucha Piñeiro”.

Fortalecemento da FP Dual

Neste sentido, explicou que entre as liñas prioritarias do seu departamento está o fortalecemento da FP Dual, unha modalidade “posta en marcha hai menos dunha década que xa é un referente de calidade e empregabilidade, cunha taxa de inserción laboral de case o 92%”. “Isto é posible grazas ao apoio do empresariado, que desde o primeiro momento confiou nos proxectos de Dual”, dixo.

De feito, aludiu a empresas que colaboran na FP Dual na comarca, algunhas de tanto peso como Navantia ou Windar Offshore, e puxo en valor tamén o esforzo das pequenas e medianas empresas para sumarse a estes proxectos.

Másteres de FP

O representante da Xunta de Galicia salientou que “o próximo curso vai traer novas oportunidades para seguir avanzando na calidade e no potencial innovador da FP galega, ao tempo que se abren novos camiños, como van ser os másteres de FP”, unha quincena de cursos de especialización en áreas cunha amplísima demanda no mundo laboral como son a fabricación intelixente, a dixitalización do mantemento industrial, o desenvolvemento de videoxogos ou a intelixencia artificial e o big data .

“Neste curso –explicou– xa arrancamos cunha experiencia piloto, impartindo cinco destes Másteres de FP en cinco centros da Comunidade, un deles o CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro, co curso de especialización en Ciberseguridade en entornos das tecnoloxías da información”.

Así mesmo, o conselleiro salientou que o profesorado é o piar fundamental do noso sistema educativo e, polo tanto, “o elemento fundamental para o éxito dos másteres de FP”, polo que solicitou a colaboración dos presentes para a formación dos docentes que van impartir os másteres. “Unha formación intensa que xa estamos a deseñar, que se desenvolverá nos próximos meses e para que queremos contar coa colaboración de empresas punteiras de cada sector produtivo implicado”, afirmou.

Estratexia galega de FP

O conselleiro de Educación explicou que estas novas accións que están xa guiadas polo espírito da Estratexia Galega de FP 2021-2025, “a folla de ruta para o desenvolvemento da Formación Profesional nos próximos anos, na que xa estamos traballando”.

Unha estratexia que estará centrada na innovación tecnolóxica, no impulso da FP dual e da formación en centros de traballo, nas competencias emprendedoras e no afondamento nas relacións co tecido empresarial, e que “pon de relevancia a aposta da Xunta de Galicia pola Formación Profesional como unha prioridade diante do reto de reactivar Galicia”, destacou.

Imaxes relacionadas