Román Rodríguez subliña que Ferrol ten un aliado na Xunta para a candidatura a Patrimonio da Humanidade

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade clausurou o congreso ‘Ferrol. Destino Patrimonio Mundial’ que se celebrou hoxe no Teatro Jofre e no que tamén estivo o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor

Na cita participaron expertos de diversos ámbitos que reflexionaron sobre o potencial e requisitos para conseguir o máximo recoñecemento da Unesco

Ferrol, 22 de abril de 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, participou hoxe na clausura do congreso Ferrol. Destino Patrimonio Mundial celebrado no Teatro Jofre de Ferrol e no que destacou o traballo de colaboración que se está facendo entre a Xunta de Galicia e o Concello de Ferrol co obxectivo de conseguir o máximo recoñecemento da Unesco para a cidade. Na xornada participaron numerosos expertos de diversos ámbitos e contou na súa apertura co delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor.

O responsable de Cultura da Xunta de Galicia trasladou a importancia de que todas as administracións implicadas na candidatura colaboren e traballen de xeito conxunto para conseguir avanzar con éxito e que Ferrol. Porto da Ilustración sexa declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco. “Conseguir este recoñecemento non é unha tarefa fácil, pero coa incorporación de expertos como os que asistides a esta cita e a implicación do Concello, da Xunta e do Goberno central podemos conseguir un novo ben Patrimonio da Humanidade para Galicia”, salientou.

Do mesmo xeito, Román Rodríguez lembrou que o Goberno galego colabora coa Administración local no impulso desta candidatura garantindo que a base do expediente sexa un traballo técnico, rigoroso e sólido. “Ferrol conta cos atributos necesarios para ser recoñecida pola Unesco ea nosa obriga é traballar e cooperar para que así sexa e para que este legado chegue as xeracións vindeiras nas mellores condicións”, afirmou.

No obxectivo de poñer en valor a riqueza patrimonial da Comunidade, a Xunta ten actualmente en marcha, tal e como precisou o conselleiro, obras de restauración nas igrexas de Nosa Señora das Dores e de Nosa Señora das Angustias. “Estes templos de especial relevancia para a Semana Santa ferrolá estarán renovados e nas mellores condicións cando o vindeiro ano as súas confrarías podan volver as rúas”, explicou.

A xornada Ferrol. Destino Patrimonio Mundial reuniu no Teatro Jofre a expertos de diferentes ámbitos que ao longo de todo o día reflexionaron sobre o potencial patrimonial de Ferrol, os requisitos para conseguir o recoñecemento da Unesco ou o impacto da declaración para toda a Comunidade. Participaron como asistentes, entre outros, membros do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, do Consejo Internacional de Monumentos y Sitios ou da Universidade da Coruña.

Imaxes relacionadas