A obra 'Vinte poemas de amor e unha canción desesperada' de Pablo Neruda xa se pode ler en galego

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou a obra que sae do prelo da man de Medulia Editorial e co apoio da Xunta

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2021

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou hoxe Vinte poemas de amor e unha canción desesperada, unha das obras máis célebres de Pablo Neruda, que xa se pode ler en idioma galego grazas á colaboración entre a Xunta de Galicia e Mendulia Editorial.

“Os versos de amor máis lidos en lingua castelá ven a luz por primeira vez en lingua galega”, destacou o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta durante o acto de presentación. Valentín García referiuse a Neruda como “unha referencia esencial da literatura latinoamericana que agora podemos gozar tamén en galego con motivo do 50.º aniversario da concesión do Premio Nóbel de Literatura ao chileno e grazas a unha tradución magnífica de Xosé Amancio Liñares e María Rey e as ilustracións de Isabel Pintado”.

No acto, que acolleu hoxe o Pazo de San Roque, participaron tamén a tradutora María Rey, a ilustradora Isabel Pintado e o profesor e crítico literario Armando Requeixo.

Poemario de mocidade

Vinte poemas de amor e unha canción desesperada (Medulia Editorial) constitúe a tradución ao galego dun dos poemarios máis coñecidos da literatura do s. XX da autoría de Pablo Neruda, un dos escritores máis lidos do planeta. O poemario publicouse por primeira vez en 1924, cando Neruda contaba apenas con dezanove anos. A obra converteuse de inmediato nun fenómeno literario de primeiro alcance e, aínda que á crítica máis esixente de primeiras non se amosou moi convencida, o libro catapultouno definitivamente á fama e fíxoo un dos autores máis populares do seu tempo.

Imaxes relacionadas