A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda reuniuse esta tarde en Ribeira coa reputada naturalista e divulgadora, de visita en Galicia co gallo do Día da Terra

Ángeles Vázquez salienta o apoio da bióloga Odile Rodríguez de la Fuente á demanda de Galicia dunha xestión do lobo consensuada

Insiste en reclamar ao Goberno central que paralice a súa proposta para elevar o nivel de protección da especie ata que se aprobe unha nova estratexia nacional

Ribeira (A Coruña), 22 de abril de 2021

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, reuniuse hoxe coa bióloga, naturalista e divulgadora ambiental Odile Rodríguez de la Fuente co gallo do Día Internacional da Terra, que se conmemora cada 22 de abril desde 1970 e este ano ten como lema Recuperemos a nosa terra.

Tras incidir na conservación da biodiversidade como un obxectivo crucial ao que todo o mundo pode contribuír aplicando a máxima “pensa global, actúa local”, Ángeles Vázquez aproveitou a ocasión para agradecerlle á reputada bióloga -firme defensora do lobo ao igual que o fora seu pai, Félix Rodríguez de la Fuente- que comparta a demanda de Galicia para que a regulación desta especie se faga de xeito consensuado con comunidades e gandeiros.

Neste sentido, Ángeles Vázquez lamentou a intención do Goberno central de incluír todas as poboacións de lobo ibérico de España no Listado de especies silvestres en réxime de protección especial (Lesrpe), en contra do criterio de 11 autonomías e das organizacións profesionais agrarias, que ven unha ameaza para o futuro do sector na intención ministerial de prohibir calquera tipo de acción cinexética de control sobre este animal.

Por iso, a responsable autonómica volveu reclamar ao Estado que reconsidere esta proposta e a paralice, polo menos, ata que se aprobe e consensúe unha nova estratexia nacional de xestión e conservación da especie na que se teña en conta o criterio das catro comunidades lobeiras, entre elas Galicia, xa que aglutinan o 95% dos exemplares do país.

“Sempre é un pracer falar cunha bióloga, naturalista e experta en cambio climático e biodiversidade como Odile e ver que coincidimos en moitos plantexamentos. Como a necesidade de poñer en valor á xente que vive no rural, ese respecto polo seu traballo e ese equilibrio que sempre temos que ter entre home, terra e especies”, resumiu a conselleira.

Pola súa parte, a divulgadora ambiental agradeceu que a conselleira se achegara esta tarde a Ribeira para poder conversar con ela sobre diferentes temas medioambientais e salientou o “cariño” e a boa acollida coa que foi recibida en Galicia, recoñecendo a súa “admiración e abraio” ante as “paisaxes espectaculares de terra e de mar” que alberga a Comunidade.

Visita a Sálvora

Cómpre subliñar que Odile Rodríguez de la Fuente chegou este mércores a Galicia para participar en varios actos conmemorativos organizados na comarca do Barbanza con motivo do Día Internacional da Terra.

Entre outras actividades, esta mañá desprazouse en barco ata a illa de Sálvora acompañada pola directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, e polo director do Parque Nacional das Illas Atlánticas, José Antonio Fernández.

Durante a súa visita guiada, Rodríguez de la Fuente participou na plantación de dúas árbores froiteiras autóctonas e puido coñecer de preto un dos arquipélagos que integran o único Parque Nacional de Galicia, achegándose ata a zona dunar restaurada, onde se eliminou a uña de gato -especie alóctona- e agora crece a armería ou herba de namorar, visitando a salazón de Sálvora e tamén a zona restaurada da antiga aldea.

Imaxes relacionadas