A Xunta inviste en melloras de saneamento, limpeza e eficiencia enerxética no Concello das Neves co Fondo de Compensación Ambiental

O delegado territorial, Luis López, supervisa co alcalde, Xosé Manuel Rodríguez, a modernización do alumeado público en Moreira, que foi unha das actuacións do FCA xunto co saneamento do Corvo e a adquisición de contedores e maquinaria

A Vicepresidencia da Xunta, que destinou máis de 52.000€ a estes proxectos, avalía o financiamento de novas actuacións de alumeado para o municipio nos lugares de Fenteira, Aldea e Sancharedonda e na contorna da estrada PO-415

Luis López completou a xornada na bisbarra do Condado cunha visita institucional ao Concello de Mondariz e unha reunión co seu rexedor, Emilio Barrios, ao que lle trasladou o compromiso e colaboración da Xunta

As Neves-Mondariz, 22 de abril de 2021

A Vicepresidencia primeira da Xunta de Galicia vén de investir en diversas melloras de saneamento, limpeza, acondicionamento do medio natural e eficiencia enerxética no Concello das Neves ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental (FCA) 2020, que reportou máis de 52.000€ para estas actuacións.

Con motivo do remate destes traballos e da adquisición dos equipamentos, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, supervisou, acompañado polo alcalde, Xosé Manuel Rodríguez, a extensión do saneamento no lugar do Corvo e a modernización e dotación de eficiencia enerxética ao alumeado público exterior do lugar de Moreira, onde se substituiron as 29 luminarias de vapor de sodio por outras Led e un novo cadro de servizo.

“Trátase dunha actuación importante, xa que permitirá aforrar un consumo de máis de 7.000 kilovatios anuais ao tempo que se incrementa a luminosidade na vía pública, polo que o servizo será máis eficiente para os cidadáns, será máis respectuoso co medio ambiente ao diminuir as emisións de CO2 e ademais favorecerá a economía municipal, xa que estímase que reducirá a factura enerxética en preto de 1.100 euros anuais”, indicou o delegado.

Esta actuación foi a máis destacada da liña non competitiva do FCA nas Neves, que tamén incluiu a adquisición de 68 contedores de lixo de distintas dimensións e a compra de maquinaria para a protección do medio natural, consistente nun cabezal de rozadoira para tractor e dúas rozadoiras manuais.

Así mesmo, o Concello das Neves tamén se beneficiou, ao abeiro da orde competitiva do Fondo de Compensación Ambiental, de case 20.000€ para completar o citado saneamento no lugar do Corvo grazas a unhas obras que instalaron máis de 200 metros de colector e oito pozos para culminar o enganche dunhas vivendas á rede de sumidoiros.

“Creo que foron uns investimentos moi ben aproveitados e que reflicten, ben ás claras, o compromiso da Xunta de Galicia coa mellora da calidade de vida dos veciños das Neves, xa que se trata de actuacións que modernizan os servizos públicos”, explicou o representante autonómico, que engadiu que na actualidade o Goberno galego está a avaliar novas peticións do Concello das Neves para proseguir, tamén con fondos do FCA, coa modernización do alumeado público nos lugares de Fenteira, Aldea e Sancharedonda e na contorna das estradas PO-415 e EP-4006.

Visita a Mondariz

Por outra banda, Luis López completou a súa xornada na bisbarra do Condado cunha visita institucional ao Concello de Mondariz, onde celebrou unha reunión de traballo co seu alcalde, Emilio Barrios. O delegado territorial reiteroulle o “compromiso máximo” da Xunta de Galicia coas necesidades de Mondariz tras lembrar que investiu máis de 4,6 millóns de euros nos últimos catro anos, destacando especialmente o reforzo do firme nas estradas autonómicas e os investimentos, por 1,4 millóns, en políticas sociais.

Así mesmo, púxose á súa disposición para trasladar e xestionar co Goberno galego os intereses xerais da veciñanza de Mondariz e ofreceulle a “colaboración absoluta” da Xunta.

Imaxes relacionadas