Un total de 14.000 profesionais do Sergas presentaron a súa solicitude para acceder á carreira profesional

A directora xeral de Recursos Humanos do Sergas, Ana Comesaña Álvarez, compareceu hoxe no Parlamento de Galicia para informar da resolución do procedemento de carreira profesional correspondente á convocatoria do ano 2020

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2021

A directora xeral de Recursos Humanos do Sergas, Ana Comesaña Álvarez, compareceu hoxe, no Parlamento de Galicia, para informar da próxima resolución do procedemento de carreira profesional correspondente á convocatoria do ano 2020. Dos 14.000 profesionais do Sergas que presentaron a súa solicitude, preto de 3.000 son sanitarios licenciados, 7.000 diplomados sanitarios e técnicos de FP e 4.000 persoal de xestión e servizos.

Nesta convocatoria, o 80% dos profesionais estiveron exentos do requisito de permanencia no grao anterior, de xeito que puideron acceder a dous graos de carreira en 2 anos (2018-2020), converténdoa nunha segunda convocatoria extraordinaria. Deste xeito, por exemplo, o persoal facultativo especialista e médico de familia que teña accedido a 2 graos según a convocatoria de 2018 e 2020 terá un importante incremento retributivo de máis de 6.000 euros en catro anos, para o persoal de enfermería o incremento será de preto de 4.000 euros.

Así, beneficiouse desta exención, o persoal que fora fixo no Sergas, ou nas entidades adscritas, con anterioridade ao 31 de decembro de 2011, e que no momento desta convocatoria fora persoal estatutario, sempre que permaneceran dun xeito continuado en situación de servizo activo (ou en calquera outra situación administrativa que supoña reserva de praza) desde o último recoñecemento de grao.

A mesma exención do período de permanencia, foi aplicable ao persoal dos modelos tradicionais de atención primaria que estean integrados funcionalmente e non completasen a súa carreira profesional, e tamén aos que tiveran solicitado a súa integración antes da finalización do prazo de presentación de solicitude de carreira, o pasado 4 de xaneiro.

Requisitos

Tal e como sinalou a directora xeral, para acceder ao recoñecemento de grao é preciso cumprir cos requisitos establecidos no Acordo de carreira e superar a correspondente avaliación. Das 14.000 solicitudes presentadas, o 99% cumpriron cos requisitos, destacando como principais causas de exclusión: a presentación das solicitudes fóra de prazo, non cumprir co requisito de permanencia no grao anterior, e non ter un vínculo estatutario fixo no Sergas no momento de presentar a solicitude.

Nesta actual convocatoria, as 12 comisións constituídas para avaliación de méritos, aplicaron os criterios extraordinarios de avaliación pactados para a convocatoria extraordinaria de 2018, con certas adaptación de datas: para o persoal licenciado sanitario valorouse a participación nos obxectivos asistenciais e o seu cumprimento, referidos aos exercicios 2015 a 2019; e para a totalidade dos colectivos, valoráronse as actividades realizadas entre o 1 de xaneiro de 2015 e o día inmediatamente anterior ao da publicación no DOG desta convocatoria (29 de novembro de 2020).

Na primeira semana de maio notificaranse ós preto de 13.500 profesionais que teñen estimado o recoñecemento de grao de carreira as resolucións de recoñecemento de grao de carreira. Máis do 96% das resolucións serán estimatorias e preto do 4% dos profesionais terán unha resolución desfavorable por non cumprir co baremo.

Dun xeito desagregado, sobre o 2% dos profesionais que obteñan unha resolución estimatoria, accederán ao grao I; o 45% ao grao II; o 23% ao grao III e o 30% ao grao IV. Seguindo esta mesma análise por categorías profesionais: o 50% son sanitarios universitarios, o 21% sanitarios de FP, o 2% universitarios de Xestión e Servizos e o 27% son profesionais doutras categorías de Xestión e Servizos.

Pago do complemento

Segundo a directora xeral, o pago do complemento de carreira que se recoñeza nesta convocatoria aboarase en dúas anualidades (50% en 2020 e 50% en 2021) cun custe para o ano 2021 de 10.009.988€.

Este complemento representa un incremento retributivo para todas as categorías profesionais que se traduce nun importe anual de 1.562,64 euros para licenciados sanitarios; 976,62 euros para diplomados sanitarios A2; 567,72 euros para técnicos de FP C1; 481,86 euros técnicos de FP C2; 1.257,84 euros para o grupo A1 de xestión e servizos; 880,32 euros para o grupo A2 de xestión e servizos; 567,72 euros para o grupo C1 de xestión e servizos; 481,86 euros para o grupo C2 de xestión e servizos; e 389,34 euros para o grupo AP de xestión e servizos.

As resolucións estimatorias de recoñecemento de grao terán efectos desde o día 1 de xaneiro de 2021, así, aínda que se retribuirán na nómina de maio, percibiranse os importes correspondentes desde o mes de xaneiro.

Así mesmo, tamén está na fase final de negociación o baremo ordinario de carreira, na parte correspondente ás Áreas III e IV.

A Área III “Formación, Docencia, Investigación e Innovación”, recolle as actividades de formación académica, continuada e transversal que será avaliada en términos semellantes aos previstos non baremos dos procesos de provisión de prazas, así como outras actividades formativas relacionadas cos obxectivos estratéxicos da organización, a docencia en actividades de formación continuada, a publicación de traballos científicos e de investigación, a participación en proxectos, grupos de investigación e de innovación, entre outros.

No que atinxe a Área IV “Implicación e Compromiso coa Organización”, valóranse todas aquelas actividades indicativas do compromiso do profesional coa organización, como poden ser, a participación nos programas de vacinación e en cribados COVID-19 así como a prestación de servizos durante a situación de emerxencia sanitaria derivada da COVID-19.

Imaxes relacionadas