A Xunta cede 5.000 plantas de piñeiro á asociación Amicos para recuperar 5 hectáreas dun monte veciñal de Rianxo

A directora xeral de Desenvolvemento Rural participou hoxe na actividade de repoboación, que ten como principais obxectivos restablecer a masa arbórea nunha zona afectada polo lume e fomentar a multifuncionalidade do monte

Inés Santé puxo en valor o interese desta iniciativa no marco “dunha recuperación do rural, por unha razón medioambiental e por outra de carácter social”

Trasladou tamén as sinerxías desta actuación co proxecto cortalumes, xa que parte dos terreos sobre os que se vai actuar coincide cos labores previstos pola Xunta para crear descontinuidades en terreos de varias comunidades de montes

Rianxo (A Coruña), 22 de abril de 2021

A directora xeral de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, participou hoxe na actividade de recuperación forestal promovida pola asociación Amicos en colaboración coa Consellería do Medio Rural que tivo lugar en terreos propiedade da comunidade de montes veciñais en man común de Leiro que xestiona a Xunta. Esta comunidade de montes acordou con Amicos levar adiante a iniciativa, poñendo a disposición desta entidade o uso do monte.

Por parte da Consellería cedeuse a Amicos (unha asociación sen ánimo de lucro para a atención e integración de persoas con discapacidade intelectual, autismo, parálise, dano cerebral e ás súas familias) un total de 5.000 plantas de piñeiro de alta calidade para repoboar con elas unha superficie de 5 hectáreas do devandito monte veciñal.

Amicos, pola súa banda, executará a plantación destas árbores e manterá a masa forestal resultante por un período de 30 anos, realizando os labores e tratamentos silvícolas necesarios. A cambio, a asociación quedarase cos dereitos de absorción de CO² que xere ese bosque para compensar as emisións da súa frota de vehículos de transporte adaptado. Os traballos de repoboación realizaranse en terreos afectados polos lumes, co fin de restablecer a masa forestal, neste caso con material controlado procedente dos viveiros da Xunta.

Neste acto, a directora xeral puxo en valor o interese desta iniciativa no marco “dunha recuperación do rural, por unha razón medioambiental e por outra de carácter social”. Así, salientou que o proxecto contribúe en primeiro lugar á recuperación das terras, un obxectivo prioritario para a Xunta e que recibirá un impulso coa aprobación, no vindeiro mes de maio, da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia.

Tamén favorece o medio ambiente, xa que se repoboa un terreo forestal e se potencia a súa riqueza natural e a maiores “a razón máis importante”, dixo Inés Santé, é a de tipo social, porque se procura “involucrar e integrar no medio rural a todos os que, en maior ou menor medida, teñen contacto con el”, dando ademais difusión ás actividades que leva a cabo Amicos.

Ademais, trasladouse por parte da directora xeral a sinerxía desta iniciativa co proxecto cortalumes, xa que o ámbito de traballo no monte veciñal sufriu as consecuencias dos incendios nos anos 2006 e 2019 e forma parte dunha primeira análise técnica na que se identificaron potenciais áreas cortalumes nunha superficie de máis de 600 hectáreas. Nesta superficie vaise traballar dende a Consellería do Medio Rural coas comunidades de montes que foron afectadas polos lumes e coincide en parte cos traballos da asociación Amicos.

Os principais obxectivos desta iniciativa pasan por frear os procesos erosivos mediante a implantación dunha masa boscosa permanente e por aumentar a diversidade de especies arbóreas forestais na zona. Trátase ademais de aumentar a calidade paisaxística da zona a medio prazo e de fomentar a multifuncionalidade do monte.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural