O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, asinou hoxe co alcalde, Andrés Iglesias, a adhesión do municipio a esta iniciativa

A Xunta suma o Concello de Pazos de Borbén ao programa de atención alimentaria a domicilio Xantar na casa

O servizo entrará en funcionamento con sete usuarios e coa posibilidade de sumar novos beneficiarios

Preto de 1700 persoas de 186 concellos de toda Galicia benefícianse xa desta iniciativa

Vigo, 22 de abril de 2021

A Xunta incorpora o concello de Pazos de Borbén ao programa Xantar na casa para garantir unha atención alimentaria a domicilio equilibrada e de calidade. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, asinou esta maña co alcalde desta localidade, Andrés Iglesias, o convenio de adhesión á iniciativa. Ao acto tamén asistiu a delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández Tapias.

A través deste servizo, levarase a comida ás vivendas das veciñas e veciños de Pazos de Borbén, especialmente a maiores, dependentes e persoas en situación ou risco de exclusión social que previamente sexan seleccionadas polos servizos sociais do Concello. Realizarase unha única entrega á semana para as sete xornadas, incluídos festivos e fins de semana, polo que soamente deberán quentala antes de consumila. Ademais, a aquelas persoas que carezan de neveira ou microondas facilitaráselles os electrodomésticos necesarios para preservar estes alimentos.

Perfecto Rodríguez explicou que inicialmente o programa contará con sete beneficiarios, cifra que se poderá incrementar en caso de haber máis persoas interesadas que cumpran os requisitos. Tamén destacou que Xantar na casa, ademais de ofrecer unha dieta saudable e adaptada ás necesidades dos usuarios, permite facer un seguimento da situación que viven e actuar por medio dos servizos sociais municipais ante posibles incidencias.

Implantación na área de Vigo


Coa adhesión de Pazos de Borbén son xa nove os concellos da área de Vigo que participan na actualidade neste programa: Cangas, Mos, Nigrán, O Porriño, Salceda de Caselas, Soutomaior, Redondela e Vigo.

Así mesmo, esta iniciativa está implantada hoxe en 186 municipios de toda a xeografía galega e ten preto de 1700 beneficiarios.

Esta prestación autonómica ten un custe de 2,3 millóns de euros ao ano, incluída a achega dos Concellos e tendo en conta que a Xunta financia o 50% do prezo dos menús; as entidades locais achegan o 25% e o outro 25% corre a cargo das persoas usuarias.

Imaxes relacionadas