A Xunta destaca o seu apoio ás persoas máis vulnerables desde o inicio da pandemia a través do reforzo e a creación de servizos

Púxose en marcha un teléfono e un correo social para dar resposta ás miles de consultas realizadas pola cidadanía para obter información e asistencia

Flexibilizouse e axilizouse a tramitación das Axudas de Inclusión Social, da Risga e das Pensións Non Contributivas

Impulsouse a Tarxeta Básica, unha axuda sen precedentes que beneficiou a 45.000 persoas, para a compra de produtos de alimentación, hixiene e farmacia

Aprobouse a maior orde de axudas a entidades sociais, dotada de 18 millóns de euros, que beneficiou a 131 organizacións e impulsou máis de 1.000 programas

Marca como obxectivos para o presente e o futuro a renovación da Axenda Social Única de Galicia 2021-2024 e a modificación da Lei de Inclusión Social de Galicia
 

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2021

A Xunta puxo en valor o apoio ás persoas máis vulnerables realizado desde o inicio da pandemia a través do reforzo dos servizos xa existentes e da creación doutros novos. O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, compareceu esta mañá a petición propia na comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento galego para dar conta das actuacións postas en marcha desde o seu departamento para axudar ás persoas en risco de exclusión social.

O director xeral sinalou que un dos retos iniciais foi atender as consultas e dúbidas da cidadanía que querían obter información sobre recursos, orientación ou asistencia. Neste sentido, o Goberno galego puxo en marcha distintas canles de atención para dar resposta aos cidadáns a través do teléfono e o correo de emerxencia social, que atenderon miles de consultas ao longo dos últimos meses.

Así mesmo, unha das primeiras actuacións foi o impulso do Plan de continxencia social e, seguidamente, a elaboración dun Plan de Recuperación Social, dotado nun inicio de 60 millóns de euros. Estes documentos permitiron reforzar as prestacións económicas destinadas á inclusión, as dirixidas aos concellos e as axudas ás entidades sociais para atender a cobertura básica dos distintos colectivos.

Incremento dos beneficiarios da Risga

Arturo Parrado concretou que a Xunta flexibilizou e axilizou a tramitación de axudas de inclusión como a Risga ou as Axudas de Inclusión Social (AIS) para facilitar o seu acceso. Neste sentido, sinalou que entre os meses de marzo e xuño de 2020 producíronse 1.932 concesións de Risga e outras 4.117 entre os meses de marzo e decembro do ano 2020.

Así mesmo, puntualizou que a tendencia continúa neste primeiro trimestre do ano, cando se rexistraron 700 novas altas a pesar da implantación do Ingreso Mínimo Vital (IMV). Desde a entrada en vigor desta axuda estatal tan só se produciron 2.062 extincións de Risga, un número moito máis reducido do previsto polo Goberno central.

Tarxeta Básica, axuda pioneira

Por outra banda, o director xeral resaltou a creación da Tarxeta Básica, unha axuda pioneira e extraordinaria que leva beneficiado desde o pasado mes de xullo a 45.000 persoas na compra de produtos de alimentación, hixiene e farmacia. Unha axuda sen precedentes que se caracteriza pola súa axilidade e eficacia, ao concederse no prazo máximo de 72 horas.

Así mesmo, tamén fixo referencia durante a súa intervención ao reforzo realizado nos servizos comunitarios para que os concellos puideran avaliar e informar sobre situacións de necesidade social e atención inmediata a persoas en situación ou risco de exclusión. Un plan de reforzo que se dotou cun investimento de 2,2 millóns de euros e que se concretou en dúas medidas: a atención a persoas sen fogar, habilitando dispositivos para atender ás persoas en situación de rúa; e as axudas de emerxencia social, que permitiron dar axilidade na resposta ás situacións de emerxencia social.

Axudas a entidades

Arturo Parrado agradeceu tamén ás entidades sociais o seu labor ao longo dos últimos meses por atender as necesidades das persoas que, por distintos motivos, se atopan en situación de vulnerabilidade. Para elas, apuntou o director xeral, deseñouse unha orde específica de 1,5 millóns de euros para atender a cobertura de necesidades básicas.

Paralelamente, en maio de 2020 convocouse a maior orde de axudas impulsada polo Goberno galego e dirixida a entidades de iniciativa social para a realización de actividades de inclusión ou o mantemento dos seus centros. Unha convocatoria que contou cun orzamento de 18 millóns de euros e da que se beneficiaron 131 entidades para desenvolver máis de 1.000 programas de inclusión.

Retos para o presente e o futuro

Por outra banda, o director xeral marcou retos do seu departamento para o presente e o futuro, entre os que salientou a renovación da Axenda Social Única de Galicia 2021-2024, en colaboración coa Fegamp, que xa retomou o seu traballo no mes de xaneiro deste ano; e a modificación da Lei de Inclusión Social de Galicia para adaptala á realidade actual.

Unha reforma que tamén se aproveitará, afirmou, para simplificar e reducir ao máximo a burocracia e acadar unha tramitación moito máis rápida e áxil da Risga e das Axudas de Inclusión Social. Arturo Parrado remarcou que se están a manter xuntanzas con distintos axentes sociais para coñecer as súas achegas a esta materia, malia as dificultades para adoptar medidas ao sufrir constantes cambios normativos a xestión do Ingreso Mínimo Vital.
 

Imaxes relacionadas