A Xunta facilita a construción do novo edificio dotacional da Universidade da Coruña no Campus de Ferrol

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda dá por finalizada a tramitación ambiental para a modificación do polígono residencial de Esteiro

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2021

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de dar por finalizada a tramitación ambiental da modificación puntual do plan parcial reformado do polígono residencial de Esteiro, no concello de Ferrol.

A modificación afecta á parcela adquirida pola Universidade da Coruña ao Ministerio de Defensa, para a construción do edificio Centro de Investigación en Industria Intelixente, CI3, situada entre a avenida de Esteiro, a avenida de Vigo e a rúa Naturalista López Seoane.

Así, a Xunta de Galicia facilita a instalación do novo edificio dotacional que, nese ámbito, ten previsto construír a Universidade da Coruña, e que suporá un pulo para o campus da cidade. O CI3 acollerá laboratorios de investigación relacionados coa industria intelixente así como a sede do Campus Industrial de Ferrol, o campus de especialización da UDC acreditado pola Xunta de Galicia.

A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático acaba de emitir o informe ambiental estratéxico (IAE) desta modificación, no que se conclúe que non se agardan efectos ambientais significativos, polo que non se considera necesario someter este cambio a autorización ambiental integrada (AAE).

O ámbito ao que se fai referencia é un solar —solo urbano consolidado— libre de edificacións, que linda polo sur co campus universitario actual e abarca unha superficie de 1.500 metros cadrados, carente de construcións ou vexetación de interese. Polo tanto, coa modificación proposta permitirase a construción do novo edificio da UDC que permitirá ampliar o Campus de Ferrol.