A Xunta adxudica por máis de 520.00 euros as obras da senda na estrada autonómica PO-551 entre Trasouto e o Alto da Portela, no Concello de Bueu

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé o inicio dos traballos na segunda quincena de maio, co obxectivo de telos rematados a principios de 2022

Executarase unha senda na marxe esquerda desta estrada, que amplía a súa lonxitude con respecto ao proxecto inicial en 115 metros, para conectar coas beirarrúas existentes e conformar un itinerario peonil seguro

Esta actuación enmárcase no Plan de Sendas da comarca do Morrazo, que recolle 8 itinerarios seguros, sustentables e integrados na paisaxe, cun orzamento que ascende a preto de 5 millóns de euros

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, adxudicou, por máis de 520.000 euros, a execución das obras dunha senda na estrada PO-551 entre Trasouto e o Alto da Portela, no concello de Bueu.

Os traballos, adxudicados á empresa Marconsa, Movimiento de Áridos y Construcciones de Arosa, S.L., prevén iniciarse na segunda quincena de maio, co obxectivo de telos rematados nos primeiros meses de 2022. O prazo de execución é de nove meses.

A actuación precisa de expropiacións e o acto de pagamento de depósitos previos e a formalización das actas de ocupación realizouse o pasado día 15 de abril.

O proxecto do departamento de Infraestruturas da Xunta ten como finalidade a construción dunha senda na marxe esquerda da estrada PO-551, entre os puntos quilométricos 12+720 e 14+440. Con respecto ao proxecto inicial, amplíase en 115 metros a lonxitude da senda para conectar coas beirarrúas existentes e conformar un itinerario peonil seguro de maior lonxitude.

Executarase unha senda de formigón coloreado en paralelo á estrada, respectando a actual beiravía, cunha sección mínima de 1,8 metros.

Puntualmente e en función do espazo, a senda implantarase na beiravía existente, cun ancho mínimo de 1,50 metros. Nestes casos disporanse separadores para identificar correctamente a separación entre a senda e a calzada. Ademais, aproveitarase a intervención para actuar sobre a parada de bus e para renovar a marquesiña.

Este novo itinerario enmárcase no Plan de Sendas da comarca do Morrazo, que prevé a execución de 8 itinerarios seguros, sostibles e integrados na paisaxe, cun investimento que ascende a preto de 5 millóns de euros. Estas actuacións serán cofinanciadas con Fondos FEDER 2014/2020, para o fomento da mobilidade sustentable.