O Sergas publica as listas de selección temporal de diversas categorías de persoal estatutario

Xeráronse un total de 4.573 inscricións, sumando as do anterior proceso e as de nova xeración

A categoría con maior número de solicitudes é a de fisioterapeuta, con 1.519 inscricións

Resultan excluídas do proceso o 0,83% das solicitudes de participación

O 7,06% foron novas inscricións realizadas despois da data límite de presentación do anterior proceso
 

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2021

O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, o anuncio polo que se dá publicidade á relación provisional de admitidos e excluídos e os resultados provisionais de baremación, no proceso de actualización das listas de selección temporal de diversas categorías de persoal estatutario: facultativo especialista de área de Medicina do Traballo, facultativo especialista de área de Psicoloxía Clínica, farmacéutico de atención primaria, fisioterapeuta, logopeda, médico asistencial do 061, médico coordinador do 061, odontólogo de atención primaria, terapeuta ocupacional e traballador social.

Xeráronse un total de 4.573 inscricións, sumando as do anterior proceso e as de nova xeración. A categoría con maior número de solicitudes é a de fisioterapeuta, con 1.519 inscricións. Resultan excluídas do proceso o 0,83% das solicitudes de participación. O 7,06% foron novas inscricións realizadas despois da data límite de presentación do anterior proceso.

As listas provisionais de admitidos e excluídos coa asignación da puntuación provisional e número de orde acadado polos admitidos, atópanse publicadas na web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es). Ademais, os aspirantes poden consultar desde hoxe, no seu expediente electrónico persoal (Fides/expedient-e), a súa posición relativa e o número de orde nas listas xeradas; así como, de ser o caso, as causas de rexeitamento dalgún dos méritos presentados, dotando de total transparencia ao proceso de selección.

Na mesma resolución ábrese un prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao día da publicación, para que as persoas interesadas poidan formular as alegacións que estimen oportunas con relación á súa inadmisión e aos resultados obtidos na baremación provisional. A estimación ou desestimación, logo da súa análise e valoración, incluirase na resolución pola que se publiquen as listas definitivas, que determinará a data de entrada en vigor de tales listas.

Disporán do mesmo prazo as persoas que tendo presentado debidamente a solicitude non consten como admitidas nin excluídas.

Próximas publicacións

Proximamente publicaranse as listas definitivas das seguintes categorías: celador, celador quenda de discapacidade intelectual, grupo auxiliar da función administrativa, persoal de servizos xerais, técnico en farmacia, técnico superior en anatomía patolóxica e citoloxía, técnico superior en dietética e nutrición, técnico superior en documentación sanitaria, técnico superior en hixiene bucodental, técnico superior en imaxe para o diagnóstico clínico, técnico superior en laboratorio de diagnóstico clínico e técnico superior en radioterapia.
 

Imaxes relacionadas