A Xunta valora organizar máis edicións do curso sobre xestión empresarial para gandeiros tras o éxito da primeira, na que se cubriron todas as prazas dispoñibles

A iniciativa intégrase na Estratexia de Dinamización do Lácteo e persegue, entre outros fins, facilitar aos participantes ferramentas útiles no campo do control e xestión de custos e cara ás negociacións sobre o prezo do leite

O curso contempla en total seis módulos, que se desenvolverán noutras tantas sesións, ao longo de seis semanas
 

Boqueixón, 22 de abril de 2021

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, presidiu esta mañá no pazo de Quián, en Sergude (Boqueixón) a inauguración da primeira acción formativa especializada dirixida aos gandeiros no marco da Estratexia de dinamización do sector lácteo galego que está a por en marcha a Consellería do Medio Rural.

Neste acto, o responsable da Agacal destacou que se cubriu o total de prazas establecidas (20 alumnos) e que se contempla a posibilidade de organizar máis edicións deste curso, para facilitar a todos os gandeiros interesados a oportunidade de participar nesta actividade. A próxima edición da acción formativa prevese para o vindeiro outono.

Ademais, José Luis Cabarcos animou aos participantes a presentaren proxectos dentro da Manifestación de interese habilitada pola Consellería para concorrer aos fondos de recuperación, unha posibilidade que permanecerá aberta ata o vindeiro día 30 de abril, despois de ampliarse o prazo debido ao gran interese espertado pola iniciativa. Trátase, segundo explicou o director da Agacal, dunha boa oportunidade para os gandeiros que desexen incrementar a súa base territorial.

En relación co curso que se iniciou hoxe, Cabarcos animou aos participantes a “interactuar” para “aprender e relacionarvos entre xente que tedes os mesmos intereses” e salientou a orientación cara o negocio que ten esta acción formativa, unha actividade que definiu como “especial” e deseñada especificamente para os gandeiros de leite.

Xestión de custos

Con esta iniciativa perséguese, en primeiro lugar, facilitar aos participantes coñecemento e ferramentas útiles no campo do control e xestión de custos. Tamén se procura o obxectivo de facilitarlles unha visión e un potencial máis amplos no eido económico sobre a súa actividade gandeira e de identificar proxectos conxuntos ou individuais que poidan ser susceptibles de apoio posterior por parte da Xunta.

O curso contempla en total seis módulos, que se desenvolverán noutras tantas sesións, ao longo de seis semanas. Cada sesión será de media xornada (cinco horas en conxunto). O programa aborda asuntos como a xestión integral do negocio na explotación gandeira, o control de custos e elaboración de orzamentos, a optimización da xestión fiscal das explotacións, a innovación, o desenvolvemento de habilidades de negociación e os instrumentos financeiros para o crecemento e o desenvolvemento dos gandeiros, como empresarios que son.

Cadea de valor

En relación á xestión do negocio, darase formación sobre temáticas como a cadea de valor láctea, a produción, a importación, a exportación e o consumo ou a evolución nos formatos máis demandados polo mercado. No que respecta ao control de custos, avaliaranse tanto os propios da produción de leite ou carne como os derivados dos cultivos, así como os indicadores máis relevantes nunha explotación gandeira. No que atinxe á xestión fiscal, abordaranse cuestións coma os impostos de sociedades, sobre a renda ou sobre o valor engadido, así como o réxime xeral, simplificado e especial da agricultura, a gandaría e a pesca.

Por outra banda, o módulo relacionado coa innovación contempla a formación partindo da distribución, da orixe, da calidade, da trazabilidade e tamén orientada cara o consumidor. Así, formarase aos gandeiros en aspectos como os formatos, os sabores, a saúde e tamén en materia de cooperación para a innovación.

No que ten que ver coas habilidades para a negociación dos contratos lácteos, o curso orientará aos gandeiros sobre o mellor xeito de afrontar estes procesos nas súas diferentes etapas e tamén sobre o seguimento da negociación, a xestión de concesións ou o peche da oferta. Este módulo está especialmente pensado para dotar aos participantes de ferramentas útiles na súa negociación sobre os prezos do leite cos compradores e a industria.

Por último, no que respecta aos instrumentos financeiros, esta acción facilitará aos gandeiros ferramentas para a procura de alternativas financeiras a curto e longo prazo, así como información sobre instrumentos de financiamento específicos para cooperativas e plataformas para a captación de fondos.
 

Imaxes relacionadas