O Hospital Álvaro Cunqueiro logra a excelencia no manexo da Enfermidade Inflamatoria Intestinal

O conselleiro de Sanidade presidiu a entrega da certificación de Excelencia como Unidade de Atención Integral a pacientes con EII ao servizo do Aparello Dixestivo

Esta Unidade, creada hai dous anos, ten rexistrados a 2.000 pacientes de Enfermidade de Crohn e Colite Ulcerosa

A situación provocada polo SARS-COV2 deu maior protagonismo ás consultas telefónicas de enfermaría especializada en Enfermidade Inflamatoria Intestinal

Vigo, 21 abril de 2021

A Unidade de Enfermidade Inflamatoria Intestinal do servizo do Aparello Dixestivo do Hospital Álvaro Cunqueiro recibiu a certificación de calidade que concede o Grupo Español de Traballo en Enfermidade de Crohn e Colite Ulcerosa (GETECCU).

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que presidiu hoxe o acto de entrega da devandita certificación, felicitou ao servizo do Aparello Dixestivo do hospital e dixo que “trátase dun recoñecemento á excelencia da atención integral aos pacientes con estas patoloxías ofertada nesta unidade; unha distinción que sitúa ao hospital Álvaro Cunqueiro como centro de referencia e recoñece a calidade asistencial e investigadora desenvolta polos seus profesionais”.

O Programa de Certificación das Unidades de Atención Integral a pacientes con Enfermidade Inflamatoria é un proxecto desenvolto e impulsado por GETECCU e auditado por Bureau Veritas. O obxectivo é recoñecer cunha cualificación de excelencia a aquelas unidades de EII do país que aseguren a mellor prestación asistencial a pacientes con esta enfermidade. Está considerado o maior recoñecemento para estas unidades ao seu labor na atención da EII en España, situándoas como referente a nivel rexional e internacional.

Para o xefe de Servizo do Aparello Dixestivo do Chuvi, Ignacio Rodríguez Prada, a obtención desta acreditación “recoñece que o noso servizo está á altura das actuais expectativas dos usuarios. Creamos unha unidade de atención integral eficaz, eficiente, segura e que ofrece un servizo adecuado á demanda, co máximo nivel de dispoñibilidade e unha óptima accesibilidade”.

Recoñecemento ao traballo dos profesionais

Para obter esta certificación, a Unidade de Enfermidade Inflamatoria Intestinal do Chuvi superou unha auditoría externa e independente que contempla todos os aspectos nos que traballa este dispositivo sanitario, como enfermaría, cirurxía, protocolos de asistencia, investigación, produción científica ou formación.

Segundo a coordinadora da Unidade, a dixestóloga Luisa Castro,“recibir este recoñecemento supón unha validación do noso labor, ao tempo que nos axuda a identificar aqueles aspectos menos desenvolvidos desta Unidade, animándonos a acometer novos retos de mellora e progreso“.

2.200 pacientes atendidos

A EII inclúe fundamentalmente a Enfermidade de Crohn e a Colite Ulcerosa. O CHUVI ten rexistrados a 2.192 pacientes diagnosticados de EII que foron atendidos na Área Sanitaria de Vigo nalgún momento.

A Unidade de Enfermidade Inflamatoria Intestinal do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, que leva en funcionamento dous anos “ten como obxectivo ofrecer unha cobertura asistencial integral a estes pacientes, que precisan dunha atención multidicisciplinar, dado que as manifestacións da súa enfermidade son variadas e requiren da implicación de diferentes especialidades” explica a a doutora Castro.

Así, está composta por un equipo de 5 especialistas do aparello dixestivo, 4 de cirurxía xeral, 1 de reumatoloxía, 1 de oftalmoloxía, 1 de dermatoloxía , e 2 profesionais de enfermaría, contando tamén co apoio do servizo de Radioloxía.

“As claves, tanto para mellorar o prognóstico da EII como para controlar os seus síntomas, son o diagnóstico precoz, a abordaxe multidisciplinar e o tratamento personalizado de cada un dos pacientes, así como a súa monitorización”.

A Enfermidade Inflamatoria Intestinal

A Enfermidade de Crohn e a Colite Ulcerosa son enfermidades inflamatorias crónicas que afectan ao aparello dixestivo con períodos de actividade e períodos de remisión. Ademais dos síntomas dixestivos, poden aparecer tamén manifestacións articulares, no pel e noutros órganos como os ollos e o fígado.

O síntoma principal en ambas enfermidades é a diarrea que pode acompañarse de rectorraxia (sangue nas feces), principalmente na Colite Ulcerosa. Noutras ocasións, o síntoma é dor abdominal, anemia, perda de peso, febre e atraso do crecemento nos nenos. Ante estes síntomas póñense en marcha o máis rápido posible os estudos que permiten facer o diagnóstico.

A EII é unha enfermidade crónica de orixe descoñecida, que se é mal controlada pode evolucionar a un dano estrutural intestinal e complicacións. A enfermidade, en ocasións, precisa ingresos hospitalarios e cirurxías. O obxectivo do tratamento é lograr a remisión (ausencia de síntomas) o máis rápido posible e mantela no tempo, o que se consegue na maior parte dos casos, pero con necesidade de tratamento crónico.
A cronicidade da enfermidade, os controis periódicos, un tratamento farmacolóxico continuado e a posible necesidade de intervencións cirúrxicas teñen unha gran repercusión na vida familiar, laboral e social do paciente, e condicionan considerablemente a súa percepción de saúde e a súa calidade de vida.

Máis protagonismo ás consultas telefónicas de enfermaría especilizada

Segundo o Dr.Rodríguez Prada, a crise actual provocada polo SARS-COV2 “supuxo certos cambios e potenciou os xa iniciados”. Entre outros, menciona o aumento da consulta non presencial, tanto telemática como telefónica.

Como resultado, “potenciamos a Unidade aberta de EII, de tal forma que os pacientes teñen acceso inmediato mediante o teléfono e as redes sociais, como o WhatsApp corporativo”. Ademais, as consultas telefónicas de enfermaría especializada en enfermidade inflamatoria cobraron maior protagonismo e resultaron de gran eficacia nesta pandemia.

Imaxes relacionadas