A Xunta dota este ano dun orzamento de máis de 200.000€ á bisbarra do Baixo Miño para a mellora de camiños municipais ao abeiro do Plan Marco

O delegado territorial, Luis López, anuncia que o Concello de Oia ten consignados para este exercicio 41.652€ deste programa e supervisa a actuación realizada nas Gandarelas e As Amadas coa anterior convocatoria, na que se investiron 37.000€

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural tamén outorga 53.000€ ao Concello de Tomiño, preto de 45.000€ a Tui, case 38.000€ ao municipio da Guarda e 35.000€ ao Rosal ao abeiro desta liña de investimentos

“É fundamental realizar un apoio constante nas zonas rurais dos concellos para soster as súas infraestruturas, tal e como facemos dende a Xunta, para mellorar a súa mobilidade e facilitar os labores do campo”, destaca o representante rexional

Oia, 21 de abril de 2021

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, contempla este ano un orzamento de 212.000€ para a mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrarias na bisbarra do Baixo Miño ao abeiro do Plan Marco, segundo anunciou esta mañá o delegado territorial en Pontevedra, Luis López, na súa visita ao Concello de Oia.

O representante autonómico anunciou que este municipio ten consignados un total de 41.652€ no Plan Marco 2021-2022 nunha visita de supervisión realizada esta mañá, na compaña da alcaldesa, Cristina Correa, á actuación realizada nos camiños das Gandareiras e das Amadas coa anterior convocatoria, na que se investiron máis de 37.000€.

Ademais da achega ao Concello de Oia, o organismo dependente da Consellería do Medio Rural vén de orzamentar co Plan Marco 52.794€ para o Concello de Tomiño, 44.871€ para Tui, 37.771€ para o municipio da Guarda e 34.854€ para O Rosal.

“É fundamental realizar un apoio constante ás zonas rurais dos concellos para soster as súas infraestruturas viarias, tal e como facemos todos os anos dende a Xunta, para mellorar a mobilidade das súas aldeas e parroquias e facilitar os labores do campo e da horta que, no caso dun municipio como Oia, teñen bastante peso na súa economía”, indicou o delegado territorial, que revelou que este concello vai recibir este ano máis de 81.000€ de axudas de Medio Rural para a mellora de vías, xa que, ao concedido co Plan Marco 2021-2022, hai que engadir os 39.878€ do Plan de Infraestruturas Rurais (PIR) para a modernización da pista da Ponte.

Así mesmo, reiterou o “absoluto compromiso e máxima colaboración” do Goberno galego coas necesidades de Oia, “dándolle continuidade ás moitas actuacións que está a acometer a Xunta en todos os ámbitos en aras do interese xeral dos veciños e que, no referente ao rural, plásmanse, por exemplo, no aumento este ano dun 12% na dotación do Plan Marco para este municipio”.

Finalmente, Luis López destacou o elevado investimento nesta materia na bisbarra do Baixo Miño, “que leva este ano máis de 200.000€ para as súas vías interiores municipais dado o peso que ten o sector primario, especialmente na puxante hortofruticultura, e a existencia de moitas e amplas zonas rurais, malia tratarse dunha contorna con moito litoral”.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural