Román Rodríguez destaca que a volta de Os Resentidos 30 anos despois “é unha inspiración para toda a música galega”

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade participou hoxe na presentación de ‘Organización Nautilus’, o novo disco da banda viguesa

O traballo, apoiado pola Xunta de Galicia, está composto por 12 novas cancións e conta coa colaboración como ilustrador de Antón Romero, de tan só 14 anos
 

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, participou hoxe na presentación de Organización Nautilus, o disco co que o grupo musical Os Resentidos, fundado por Antón Reixa, regresa ao panorama musical despois de case 30 anos. Trátase dun traballo apoiado pola Xunta de Galicia que está composto por 12 novas cancións e no que colabora como ilustrador Antón Romero, de tan só 14 anos.

Na presentación de Organización Nautilus, o titular de Cultura destacou que os galegos “somos tremendamente afortunados por poder contar cun referente cultural como Antón Reixa” ao que se referiu como “un verdadeiro home do renacemento que sempre foi capaz de reinventarse apostando pola vangarda e a modernidade”. “O proxecto de Antón Reixa que máis marcou as nosas vidas foi a fundación da banda Os Resentidos, un dos grandes nomes da movida viguesa que, xunto con bandas como Siniestro Total ou Golpes Bajos, axudou a situar Galicia como epicentro da efervescencia cultural da época”, sinalou.

Román Rodríguez referiuse a Reixa e a súa banda como un exemplo de valentía volvendo aos escenarios nun momento tan complicado e cun material que supón “un regalo para todos os amantes da banda e da música dos 80”. Neste sentido, subliñou o compromiso do Goberno autonómico coa creación musical en galego impulsando proxectos tanto de novos artistas como de bandas que, como Os Resentidos, contan xa cunha longa traxectoria e son “unha inspiración para os grupos que buscan abrirse camiño no mundo da música galega”.

O novo disco de Os Resentidos conta coa colaboración para o videoclip da canción Nautilus de Antón Romero, artista de 14 anos con Trastorno do Espectro Autista que se encargou das ilustracións. Trátase dunha peza con numerosas referencias á cidade de Vigo que conta con debuxos de elementos como a Ponte de Rande, submarinos, barcos pirata ou animais mariños.
 

Imaxes relacionadas