A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, detallou este proxecto que forma parte das 12 actuacións prioritarias do Plan de saneamento da ría, que suman unha achega do Goberno galego de 47 M€

A Xunta avanza no saneamento da ría de Pontevedra coa licitación da redacción do proxecto da mellora do bombeo de Cocheras, que suporá un investimento autonómico de 3,7 M€

Vázquez Mourelle destaca que a mellora do sistema de saneamento Cocheras-Os Praceres permitirá paliar as consecuencias das deficiencias da rede municipal pola infiltración de pluviais e do mar e evitar vertidos no fondo da ría

Destaca que as novas estruturas permitirán transportar desde Cocheras 1.600 l/s cara á depuradora dos Praceres, en lugar dos 600 l/s actuais

A obra inclúe conducións con capacidade para asumir o caudal na marxe da ría e unha estrutura de desbaste para que a auga residual vaia pretratada á depuradora

As empresas poden presentar ata o 20 de maio as súas ofertas a este contrato, cuxa redacción comezará este ano coa fin de licitar as obras en 2022

Precisa que a mellora da depuradora dos Praceres, cun orzamento de 16,5 M€, está executada ao 40% e que as obras do novo emisario, de 12 M€, comezarán en maio

Sinala que en verán se licitará a mellora da rede de saneamento do río Lameira, en Marín, e que xa se licitou o proxecto do bombeo da Seca e Porto Campelo, en Poio

Pontevedra, 21 de abril de 2021

A Xunta avanza no saneamento da ría de Pontevedra coa licitación da redacción do proxecto construtivo da mellora do bombeo de Cocheras, cuxas obras suporán un investimento autonómico de 3,7 millóns de euros.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, presentou hoxe o proxecto que vai impulsar a Xunta para mellorar de forma substancial a eficiencia e rendemento do sistema de saneamento Cocheras-Os Praceres, paliando as consecuencias das deficiencias da rede municipal de saneamento, derivadas das infiltracións de augas pluviais e procedentes do mar, e para evitar vertidos no fondo da ría.

As empresas interesadas teñen ata o 20 de maio para presentar as súas ofertas para a redacción do proxecto construtivo, cuxo prazo de execución é de 6 meses.

Vázquez Mourelle indicou que este contrato, ao que se destinan case 125.000 euros, definirá un conxunto de infraestruturas hidráulicas na rede municipal para transportar desde Cocheras 1.600 litros/segundo cara á depuradora dos Praceres, en lugar dos 600 litros/segundo actuais.

Subliñou que se prevén novas conducións con capacidade para asumir o caudal na marxe da ría, estancas, para evitar infiltracións, así como unha estrutura de desbaste para xestionar os sólidos grosos e que a auga residual que vai á depuradora chegue xa pretratada.

Remarcou que a Xunta, a pesares de que o saneamento é responsabilidade municipal, trasladou a súa disposición a executar esta mellora do bombeo de Cocheras. Neste sentido, sinalou que agarda a colaboración do Concello para a tramitación municipal que corresponde.

Concretou que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a traballar co obxectivo de iniciar este ano a redacción do proxecto construtivo e licitar as obras en 2022, cuxo investimento será achegado desde a Xunta, empregando tamén fondos Feder 2014/2020.

Lembrou que este bombeo é unha das doce actuacións definidas no Plan de saneamento da ría, que a Xunta se comprometeu a executar para axudar aos concellos de Pontevedra, de Poio e de Marín nas súas competencias e acadar o saneamento integral da ría.

Salientou que se trata de doce actuacións que suman 47 M€ a investir polo Goberno galego.

Precisou, neste sentido, que a mellora da depuradora dos Praceres, cun orzamento de 16,5M€ está executada ao 40%, e que as obras do novo emisario, de 12 M€, comezarán en maio.

Engadiu as dez actuacións proxectadas na rede de saneamento, puntualizando que xa se asinou o convenio para a mellora da rede de saneamento do río Lameira, en Marín, e que se están a tramitar as expropiacións para licitar as obras no verán.

Recordou que a comezos de abril tamén se licitou a redacción do proxecto do novo bombeo da Seca e de Porto Campelo, en Poio, sumando a licitación, hoxe, da redacción do proxecto para o bombeo de Cocheras.

Fixo fincapé no traballo inxente da Xunta para avanzar cara ao saneamento integral desta ría, catalogada en Europa como “zona sensible”, pola súa importancia para o marisqueo, a pesca e todas as actividades que se desenvolven ao seu arredor.

Imaxes relacionadas