A directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, participou hoxe na presentación da iniciativa na capital galega

Xunta, Concello e Ecoembes colaboran para impulsar en Santiago un sistema pioneiro en Galicia que premia a reciclaxe de envases

Máis de 97.000 composteláns poderán obter premios sostibles e sociais por depositar estes residuos nos case 600 contedores amarelos que hai na cidade

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2021

Santiago será a primeira cidade galega en ofrecer aos seus veciños a posibilidade de obter recompensas e premios por reciclar latas e botellas de plástico no contedor amarelo. A Xunta, o Concello de Santiago e Ecoembes colaboran no impulso desta iniciativa, coñecida como Reciclos e pioneira en Galicia.

O novo sistema de devolución e recompensa (SDR) foi presentado hoxe no barrio de Santa Marta durante un acto no que participou a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, quen considerou un acerto elixir Santiago para implantar esta iniciativa xa que a súa veciñanza ten dado pasos importantes para avanzar no cumprimento das directivas europeas na materia. Así, subliñou que as taxas de recollida de envases lixeiros e papel e cartón nesta cidade están por riba da media galega.

Coa implantación de Reciclos, preténdese mellorar máis aínda estas cifras poñendo a disposición dos máis de 97.000 veciños de Santiago unha serie de incentivos que axuden a mellorar o seu entorno, mentres seguen fomentando a circularidade dos envases.

Así, desde hoxe os composteláns poderán optar a premios e incentivos por reciclar as súas latas e botellas de plástico de bebidas nun dos 599 contedores amarelos repartidos pola localidade e aos que se lles incorporou a tecnoloxía necesaria para implantar o sistema.

Para poder participar, haberá que rexistrarse nesta webapp e escanear na casa o código de barras dos envases a reciclar. No momento de depositar a bolsa, cada cidadán deberán introducila e escanear o código QR que atopará no contedor para obter puntos reciclos, que poderá cambiar polas recompensas dispoñibles. Estes puntos terán un límite semanal para que non só se recicle máis e mellor, senón que se consuma de forma responsable.

Entre os incentivos destacan algúns de carácter social cos que poder axudar e contribuír á comunidade, e outros máis directos e relacionados coa mobilidade sostible, como participar nun sorteo para poder conseguir un patinete eléctrico.

O sistema Reciclos implantouse como proxecto piloto en varios municipios de Cataluña e nestes momentos está presente tamén en Madrid, Andalucía, Aragón, Murcia, La Rioja, Valencia, Islas Baleares, Navarra, Asturias e, desde agora, Galicia.

Imaxes relacionadas