A Xunta mellora o equipamento dos efectivos de emerxencias de Lalín cun novo camión para intervencións en zonas de difícil acceso

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, fixo entrega hoxe dun camión de emerxencias destinado a actuacións de salvamento e contraincendios en áreas rurais con rúas estreitas

Alfonso Rueda destacou o compromiso do Goberno galego cos servizos de emerxencias cun investimento de case 20 millóns nos últimos anos para reforzar o equipamento dos GES e servizos e agrupacións de voluntarios de Protección Civil

A Xunta tamén apoia o funcionamento dos GES como o de A Estrada-Lalín con 4,8 millóns de euros este ano destinados a financiar os 29 GES e 4 servizos municipais tras a aprobación da posta en marcha de 6 novos grupos

Lalín (Pontevedra), 21 de abril de 2021

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, fixo entrega hoxe ao concello de Lalín dun camión autobomba urbana lixeira para os efectivos do Grupo de Emerxencias Supramunicipal con sede no concello. Así, o pasado luns os profesionais que prestan servizo na Estrada xa recibiron un vehículo similar, que permitirá actuar en zonas e núcleos con rúas e camiños estreitos aos que non poden acceder vehículos de maiores dimensións.

Os efectivos do GES que opera en Lalín tamén contarán con este vehículo destinado a intervencións de salvamento e contraincendios, que o Goberno galego adquiriu por 150.000 euros.

Este camión de emerxencias leva instalada unha bomba contraincendios e unha cisterna de máis de 1.100 litros de auga. Deste xeito, conta cunha cantidade de auga suficiente para actuar nun lume urbano e permite traballar con auga en alta presión aumentando a eficacia de extinción.

Alfonso Rueda sinalou o compromiso da Xunta cos servizos de emerxencias cun investimento de case 20 millóns de euros na cesión de material aos concellos galegos para os GES e servizos e agrupación de voluntarios de Protección Civil, aos que agradeceu o seu esforzo para velar pola seguridade dos cidadáns.

Así, incidiu na necesidade de que os profesionais de emerxencias conten co equipamento necesario para levar a cabo o seu traballo nas mellores condicións e prestar un servizo o máis áxil e eficaz posible.

Por iso, a Xunta tamén colabora no funcionamento dos GES aos que este ano destina 4,8 millóns de euros de investimento, o que supón un incremento respecto ao ano anterior debido á creación de seis novos grupos.

No marco da Comisión de Seguimento dos GES, dos que tamén forman parte as deputacións provinciais e a Fegamp, aprobouse a proposta da Xunta para crear os seis novos GES. Tres deles na provincia de Pontevedra –un na Cañiza, outro en A Lama e un en Mos/Redondela, que ao igual que o de Estrada-Lalín terá unha subsede en cada un dos dous municipios-, 2 en Ourense –un en Maceda e outro na Veiga-, xunto co servizo supramunicipal de Noia.

O vicepresidente primeiro da Xunta indicou que estes grupos contribúen a mellorar e reducir os tempos de resposta ante situacións de emerxencia, polo que apelou á colaboración entre administracións para continuar a completar o mapa de emerxencias no territorio galego. Galicia conta con 29 GES e 4 servizos municipais, entre eles 9 na provincia de Pontevedra dos que forma parte o de A Estrada-Lalín.

Imaxes relacionadas