O presidente do Goberno galego visitou hoxe as obras de rehabilitación

Feijóo destaca a recuperación dos Baños de San Xusto en Cerdedo-Cotobade como exemplo da aposta pola conservación do patrimonio natural e cultural a través dos Pactos pola Paisaxe

Salienta que este Pacto pola Paisaxe asinado en 2019 co concello pontevedrés foi o primeiro posto en marcha en toda Galicia e permitiu levar a cabo este proxecto, cun investimento de preto de 700.000 euros

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2021

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou esta mañá a recuperación dos Baños de San Xusto en Cerdedo-Cotobade como exemplo da aposta pola conservación do patrimonio natural e cultural a través dos Pactos pola Paisaxe.

“Hoxe recuperamos unha paisaxe significativa para os veciños, situada nun enclave rodeado de elementos de grande interese”, resaltou, lembrando que este Pacto pola Paisaxe asinado en 2019 co concello pontevedrés, o primeiro posto en marcha en toda Galicia, permitiu levar a cabo este proxecto.

Durante unha visita ás obras de rehabilitación, Feijóo aseverou que “a paisaxe habítase, e iso quere dicir que hai que coidala e preservala para legala ás vindeiras xeracións”.

Con esta vocación, recordou que a Xunta foi desenvolvemento nesta última década os piares normativos para a conservación da nosa paisaxe: coa Estratexia da Paisaxe de Galicia; coas Directrices de Ordenación do Territorio; co Plan de Ordenación do Litoral; co Catálogo das Paisaxes; coa Lei do Solo e o seu regulamento; coas Directrices da paisaxe, en vigor desde febreiro deste ano; e cos Pactos pola Paisaxe.

No tocante ao enclave, o titular do Goberno galego precisou que a sinatura deste Pacto pola Paisaxe permitiu a rehabilitación desde cero da central hidroeléctrica, a primeira fábrica de luz de Pontevedra, inaugurada en 1915; “un valioso expoñente do patrimonio industrial galego, que agora dará servizo como balneario”.

Así mesmo, recuperáronse as bañeiras exteriores existentes, instaláronse novas bañeiras e mantivéronse as antigas como elemento ornamental. Rehabilitáronse as fontes e o depósito de auga, descubríndose augas termais na zona; e reconstruíronse tres muíños, transformándose un deles en sauna.

Por último, a casa do muiñeiro foi reconstruída para acoller o almacén da caldeira de biomasa coa que funciona o balneario; e melloráronse os accesos con novas zonas de aparcadoiro e o acondicionamento da contorna.
 

Imaxes relacionadas