A Xunta premia as mellores mensaxes en galego a través do certame Lingua de namorar

Faise pública a relación de mozas e mozos gañadores da décima edición, que obtivo unha importante participación na votación da nova categoría Instagram

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2021

Lingua de namorar, o certame de declaracións de amor en galego na rede dirixido á mocidade que promove a Xunta de Galicia por medio das consellerías de Cultura, Educación e Universidade e de Política Social fai pública a relación de participantes premiados na décima edición do certame, que viu ampliadas as súas categorías habituais de premios cunha nova exclusiva do Instagram (IG) na que se deu unha importante participación, sobre todo na fase das votacións, baixo o cancelo #NamorarEnPandemia.

Así, na categoría A (de 14 a 19 anos) resultaron gañadores os textos Penso en ti (María Rey Villar, A Coruña), Sol e Lúa (Lucas Paz González, A Coruña) e Marfil do meu corazón (Diego Santos Santos, Ribeira); mentres que na categoría B (de 20 a 35 anos) foron elixidos polo xurado Rea(r)mar (Lara Álvarez Álvarez, Redondela), O fío da vida (Leticia Cid Cid, San Cibrao das Viñas) e KÓX3G?S (Andrea López Otero, Pantón). Na nova categoría IG acadou a maioría de gústames do público (un total de 765) de entre as seis mensaxes participantes elixidas polo xurado o texto Saudando a vida (José María Trigo González, Cambados).

Nas dúas primeiras categorías o primeiro premio é unha bicicleta eléctrica, o segundo unha tableta de 10,1 polgadas e o terceiro unha cámara deportiva. No caso da terceira categoría, o premio é único, unha bicicleta eléctrica. O acto de entrega dos galardóns está previsto para o mes de maio en Santiago de Compostela

Tanto as mensaxes gañadoras coma as outras 267 participantes, que foron votadas por preto de 2449 internautas (2309 deles, na fase de votación da nova categoría IG), están dispoñibles no web institucional da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado: http://xuventude.xunta.es/linguadenamorar.