O conselleiro de Sanidade destaca que a situación epidemiolóxica da covid en Galicia continúa a ser estable

O titular da carteira sanitaria do Executivo galego, Julio García Comesaña, animou á cidadanía a que se vacine e a que acuda aos cribados, cando sexa citada polo Sergas

Anunciou, tamén, novos cambios nos aforos dalgunhas instalacións, consecuencia da nova situación epidemiolóxica, como congresos, mercados ao aire libre ou feiras de atraccións

Subliñou que a campaña de vacinación marcha a bo ritmo, e destacou a boa nova das residencias, onde xa non hai contaxiados, nin residentes nin traballadores

Un total de 135 concellos non declararon ningún caso en Galicia nos últimos 14 días, e 175 concellos nos últimos 7 días
 

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2021

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou “a situación estable” que está a ter a nosa comunidade no que respecta aos datos da covid, cun lixeiro incremento dos casos activos. O titular da carteira sanitaria do Executivo galego, remarcou que a campaña de vacinación “segue a bo ritmo”, o que marca a chegada de vacinas, e animou á cidadanía a que se vacine e que acudan aos cribados, cando sexan citados polo Servizo Galego de Saúde. Subliñou , así mesmo, a boa nova das residencias, onde xa non hai contaxiados, nin residentes nin traballadores.

Destacou, así mesmo, a chegada de novas vacinas, e dixo que da nova vacina existente no mercado, a de Janssen, está previsto que hoxe cheguen un total de 8.350 doses, que serán destinadas aos pacientes que están en domicilio.

O conselleiro anunciou, tamén, novos cambios nos aforos dalgunhas instalacións, consecuencia da nova situación epidemiolóxica, que permite unha apertura gradual e pausada. Así, os mercados ao aire libre de menos de 150 postos autorizados, poden colocar o 100%; entre 150 e 250 postos poden colocar o 75%, e máis de 250 postos, poden colocar o 50%. Os congresos tamén aumentan os aforos, que pasan no interior a 500 (antes 300); mantendo 1.000 no exterior, pero coa posibilidade de aumentar con informe de saúde pública. Nas feiras de atraccións, os aforos sitúanse no 50% sentados e 30% en movemento.

Taxa de positividade estable

A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Flores, tamén destacou a situación epidemolóxica estable, cun moi lixeiro ascenso nas tres últimas semanas. Sinalou que a incidencia acumulada a 7 días en Galicia é de 44,9 casos (107 media do Estado), e a 14 días é de 90,3 (230 media do Estado). Remarcou, así mesmo, que 135 concellos non declararon ningún caso en Galicia nos últimos 14 días, e 175 concellos nos últimos 7 días.

A taxa de positividade en Galicia sitúase estable, en 2,94%, por baixo, pois, do 5% que marca a Organización Mundial da Saúde.

Tamén destacou a directora xeral que entre os días 10 e 16 do presente mes, Galicia realizou 62.000 probas diagnósticas, o que a sitúan entre as comunidades que máis fai en todo o Estado.

O xerente do Sergas, José Flores Arias, falou de optimismo respecto do grao de ocupación nos centros sanitarios, remarcando que seguen os cribados nos lugares de maior incidencia da covid. A ocupación de camas por pacientes covid en unidades convencionais de hospitalización é de 2,17%, e a ocupación nas unidades de críticos sitúase no 7,5%.

Pola súa parte, o doutor Vázquez Lima, membro do comité clínico, destacou que Galicia está nun momento de calma, con algunhas zonas onde hai que extremar as medidas. Fixo, así mesmo, un chamamento a fuxir dos interiores cando sexa posible, e facer as actividades que se poidan ao aire libre. Ao igual que o conselleiro, o doutor Vázquez Lima chamou á cidadanía a que acuda a vacinarse cando sexa citado.

Restricións por concellos

O comité clínico que asesora á Xunta de Galicia na xestión da pandemia provocada pola covid-19, acordou, na súa reunión de onte, o establecemento do nivel máximo de restricións nos concellos do Grove, A Pobra do Caramiñal, Carballeda de Valdeorras, e Cualedro.

Así mesmo, o comité tamén determinou o nivel alto de restricións nos concellos de Marín, Meaño, Ribadumia, Vilanova de Arousa, Padrenda, Cortegada, O Barco de Valdeorras, Rubiá, Lobeira, Muiños, Petín, Meira, Ribeira, e Cambre.

Ademais, as medidas do nivel medio rexerán nos concellos de Trabada, Barreiros, Lobios, Cartelle, Cambados, Catoira, Vilagarcía de Arousa, A Illa de Arousa, Meis, Sanxenxo, Cangas, Gondomar, Ponteareas, Vigo, Boiro, Rianxo, Carral, Muxía, As Pontes de García Rodríguez, e Ortigueira.

No resto dos concellos galegos, estarán vixentes as restricións fixadas no nivel medio baixo.

Todas estas medidas entrarán en vigor ás 00,00 horas do vindeiro venres, 23 de abril.
 

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. de Sanidade