A Xunta licita as obras de mellora do firme en seis estradas autonómicas da provincia de Pontevedra que suporán un investimento de preto de 775.000 euros

Actuarase nas estradas PO-214, PO-221, PO-222, PO-223, PO-233 e PO-303, nos concellos de Pontecesures, A Estrada, Moraña, Pontevedra, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Poio, Padrón, Sanxenxo, Meaño e Cambados

As empresas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 18 de maio e o obxectivo é comezar as obras no verán para telas rematadas este mesmo ano

Os traballos inclúen a reposición da capa de rodadura do pavimento actual nas zonas danadas e a reposición das marcas nos pasos de peóns e vías das estradas
 

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade acaba de licitar as obras de mellora do firme en seis estradas autonómicas da provincia de Pontevedra, cun investimento de preto de 775.000 euros.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe a contratación destas actuacións, cun prazo para a presentación de ofertas que remata o vindeiro 18 de maio.

Estas actuacións, que se prevén iniciar no verán co obxectivo de telas rematadas este mesmo ano, consistirán no acondicionamento da capa de rodadura das estradas de titularidade da Xunta PO-214, PO-221, PO-222, PO-223, PO-233 e PO-303, nos concellos de Pontecesures, A Estrada, Moraña, Pontevedra, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Poio, Padrón, Sanxenxo, Meaño e Cambados.

De modo máis concreto, nas estrada PO-214 e PO-303 actuarase en toda a súa lonxitude. Os traballos na PO-221 desenvolveranse entre os puntos quilométricos 4+340 e o 12+400; na PO-222, do punto quilométrico 0+200 ata o 4+000; na PO-223, nos 4 primeiros quilómetros da vía; e na PO-233 en 6,5 km, do punto quilométrico 0+000 ao 6+500.

Os traballos incluirán o fresado e a reposición da capa de rodadura do pavimento actual nas zonas danadas con mestura bituminosa en quente e nalgúns treitos das estradas PO-214 e PO-222 aplicarase un microaglomerado en frío.

Ademais, a actuación incluirá o pintado das marcas lonxitudinais do eixe e bordo da calzada e repoñeranse os pasos de peóns.

O departamento de Infraestruturas da Xunta continúa traballando na conservación e no mantemento da rede viaria autonómica coa fin de proporcionarlles unhas estradas máis seguras e cómodas aos cidadáns.