O Plan básico municipal do concello de Padrenda sométese desde hoxe a información pública por un período de dous meses

Todas as persoas ou entidades interesadas en participar no proceso poden presentar xa as súas achegas ao documento, aprobado inicialmente o 30 de marzo

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2021

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda someterá a información pública a partir de hoxe e por un prazo de dous meses o Plan básico municipal (PBM) do concello ourensán de Padrenda, un instrumento de ordenación recollido na Lei do solo e que neste caso foi aprobado de forma inicial o pasado 30 de marzo.

Segundo se recolle no anuncio publicado hoxe no Diario Oficial de Galicia, durante o devandito período poderá examinarse o documento, en horario de oficina e sempre con cita previa, nas dependencias do Servizo Provincial de Urbanismo da Xefatura Territorial de Ourense ou no propio Concello. Así mesmo, tamén poderá consultarse na páxina web da Consellería, e remitir posibles achegas e alegacións a través de calquera dos rexistros legalmente habilitados ou por vía telemática ao enderezo sxurb@xunta.gal.

Cómpre lembrar que segundo a Lei do solo de Galicia, os PBM son instrumentos de ordenación urbanística que se redactarán en desenvolvemento do Plan básico autonómico para concellos de menos de 5.000 habitantes e que non conten cun instrumento xeral de planificación propio (37 en toda Galicia).

Co fin de obter unha guía de orientación que axudara e motivara a estes municipios a dotarse do seu propio plan básico, a Xunta asumiu a redacción do primeiro, o do Concello do Páramo, ademais de colaborar técnica e economicamente con outros oito municipios que xa teñen moi avanzada a tramitación dos seus respectivos documentos (Ribeira de Piquín, Riotorto, Cartelle, Porqueira, Triacastela, San Xoán de Río, Trabada e Padrenda).

Deste primeiro grupo de entidades locais, seis xa recibiron a aprobación inicial por parte da Consellería nos últimos meses, tres deles pertencentes á provincia de Ourense (San Xoán de Río, Cartelle e Padrenda) e tres á de Lugo (O Páramo, Triacastela e Trabada).

Contido do PBM de Padrenda

No documento que se somete agora a información pública, delimítanse un total de 79 núcleos rurais nun ámbito de solo urbano consolidado de entre os 100 asentamentos identificados, e sinálase como núcleo urbano San Roque de Crespos, un dos principais e máis poboados do concello de Padrenda, onde se sitúa actualmente a Casa Consistorial, o centro de saúde e outros edificios administrativos e de servizos.

Tamén identifica e cataloga os elementos do patrimonio cultural e natural do municipio, contabilizando un total de 143 elementos, dos cales 15 son arqueolóxicos, 43 arquitectónicos e 85 de carácter etnográfico.

Por outra banda, cómpre lembrar que nun segundo grupo integrado por nove concellos (Alfoz, Guntín, Samos, Beariz, Lobeira, Punxín, San Cristovo de Cea, Viana do Bolo e Dozón) estanse a realizar xa os traballos técnicos necesarios para a obtención da súa cartografía, paso previo á redacción dos seus respectivos PBM, polo que se agarda que en 2021 reciban tamén un pulo definitivo.