Conde subliña o consenso, a colaboración público-privada e a implicación das pemes como a base sobre a que se asenta a candidatura de Galicia aos fondos Next Generation

O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, compareceu hoxe a petición propia na comisión parlamentaria sobre a reactivación económica, social e cultural de Galicia

Salienta que a Xunta quixo incorporar o diálogo como un factor esencial nesta estratexia na que tanto os axentes económicos e sociais como os sectores produtivos teñen un papel significativo

Apunta que, neste momento, a candidatura galega aos fondos europeos abrangue 354 proxectos que mobilizan un investimento de preto de 20.000M€

Desas iniciativas, 247 son públicas e acadan un investimento en torno aos 7000M€ (34,6%); e 107 parten do ámbito privado e proceden dos sectores produtivos, con preto de 13.000M€ (65,4%) de mobilización prevista

O Executivo autonómico entrega aos grupos da Cámara un inventario cos proxectos públicos, dos que tres de cada catro están vencellados co impulso da economía circular e a eficiencia enerxética, co crecemento cohesionado e coa sanidade e a nova economía dos coidados

Asegura que todo o consenso e acordo que se poida acadar en torno a esta candidatura será unha forma de consolidar e de afianzar o posicionamento de Galicia á hora de optar ás axudas europeas

Conde reclama ao Executivo central unha cogobernanza real coas comunidades autónomas na definición dos criterios de reparto e que, a partir de agora, empece a primar a cohesión social e territorial

Santiago de Compostela, 21 abril de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, puxo hoxe en valor, no Parlamento galego, o amplo proceso consultivo que está a realizar a Xunta para asegurar o máximo consenso en torno á candidatura galega aos fondos europeos Next Generation. Neste sentido, indicou que, xunto a implicación das pemes nos proxectos, a colaboración público-privada e a I+D+i, son a base sobre a que se asenta a proposta de Galicia. Así o recoñeceu durante a súa comparecencia na Comisión non permanente especial de estudo sobre a reactivación económica, social e cultural de Galicia pola crise da covid-19, onde interveu a petición propia por terceira vez.

Conde explicou que a Xunta quixo incorporar o diálogo como un factor esencial nesta estratexia na que tanto os axentes económicos e sociais como os sectores produtivos teñen un papel significativo. Para iso, a Administración autonómica promoveu distintos espazos de consulta, como os seis foros sectoriais celebrados ata o de agora —o último, onte mesmo, coas empresas e axentes vinculados ao ámbito da mobilidade sustentable, segura e conectada—; a propia comisión parlamentaria de reactivación; ou a Mesa do Diálogo Social onde, na reunión da pasada semana, se acordou a creación dun grupo de traballo para seguir perfilando a candidatura galega.

O vicepresidente económico destacou que, xunto á busca de consensos para definir a candidatura de Galicia aos fondos Next Generation, o Goberno autonómico pon especial énfase nos seguintes elementos definitorios desta estratexia: a implicación das pemes nos diferentes proxectos para que teñan un alto impacto sobre a produtividade, o emprego e o territorio; a colaboración público-privada, con mecanismos como a sociedade impulsora, que se encargará de madurar os proxectos tractores de Galicia; ou que a I+D+i se concibe como un vector transversal. E subliñou tamén que, ante a necesidade de axilizar os procesos administrativos no actual contexto de reactivación económica, a Xunta puxo á disposición do tecido empresarial a Oficina de Proxectos Tractores do Igape e a Lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

Un traballo feito con rigor e transparencia

Na súa intervención explicou que, neste momento, a candidatura galega aos fondos de reconstrución Next Generation abrangue 354 proxectos que poderían chegar a mobilizar un investimento de preto de 20.000 millóns de euros. Desas iniciativas, 247 son públicas e acadan unha mobilización de en torno aos 7000 millóns de euros (34,6%); e 107 parten da iniciativa privada e proceden dos sectores produtivos, con preto de 13.000 millóns de euros (65,4%) de investimento previsto.

Son proxectos, dixo, froito dun traballo que está xa nun estadio avanzado e maduro, feito con rigor, transparencia e buscando involucrar ao máximo ao tecido produtivo. Un traballo, engadiu, que a Xunta vén realizando ao longo destes meses a todos os niveis: dentro da propia Administración e máis alá, co tecido empresarial, cos interlocutores sociais e económicos, cos colectivos e entidades en disposición de facer achegas e, por suposto, cos grupos políticos.

Os proxectos cos que Galicia concorre aos fondos europeos están clasificados en base a cinco cadeas de valor sobre as que teñen un maior impacto. Os relativos á economía circular e a transición enerxética suman o 55% do investimento. Os que teñen que ver coa mobilidade sustentable son o 8% do total. Unha terceira cadea de valor englóbana os Hubs de Innovación Dixital, a Industria 4.0 e as TIC, e a ela pertence o 16% do investimento. A cadea mar-industria e agro-industria ocupa o 12% do investimento cunha especial aposta polo medio rural. E, finalmente, a quinta cadea de valor estaría no eido sanitario, os modos de vida saudables e a nova economía dos coidados que son ámbitos de actuación que suman o 9% do investimento.

Con respecto aos proxectos de carácter público —do que se lles entregou un inventario aos grupos da Cámara—, Conde salientou que os maioritarios están vencellados co impulso da economía circular e a eficiencia enerxética, co crecemento cohesionado e coa sanidade e a nova economía dos coidados; de feito, tres de cada catro proxectos públicos pertencen a unha destas cadeas de valor. Destacan os relacionados coa modernización do Sergas, que son 27 iniciativas; os de reforzo das políticas de emprego e cohesión, con 43 propostas; os de apoio á innovación industrial e impulso das pemes, que suma 40 proxectos; os de mobilidade sustentable, segura e conectada, con 21; e os relativos á conservación e restauración de ecosistemas, que son 27 iniciativas.

Por outra banda, o vicepresidente económico tamén apuntou que a candidatura galega conta con proxectos de carácter público-privado, como o Polo para a Transformación de Galicia, no que se inclúe, por exemplo, a xeración de hidróxeno verde coa instalación dunha planta inicial nas Pontes, a creación dunha fábrica de fibras téxtiles a partir da madeira e da celulosa, a posta en marcha dun centro para o impulso da economía circular orientado á valorización de residuos, ou o desenvolvemento en Galicia de nova potencia renovable (1000 MW de enerxía eólica e solar).

Ademais, desde o sector privado, destacan os proxectos relacionados coa automoción autónoma e conectada, a mobilidade sustentable, o descubrimento de fármacos, a industria aeroespacial, ou a cadea agro-mar-industria.

Conde, que asegurou que todo o consenso e acordo que se poida acadar en torno a esta candidatura será unha forma de consolidar e de afianzar o posicionamento de Galicia á hora de optar ás axudas europeas, concluíu solicitando ao Executivo central máis diálogo e unha cogobernanza real coas comunidades autónomas para que poidan participar de xeito activo na definición dos criterios de reparto dos fondos. Neste sentido, advertiu de que, ata agora, o único que se está producindo é un agravio comparativo entre rexións ao primar intereses que nada teñen que ver coa cohesión social e territorial que establece a Comisión Europea.

Imaxes relacionadas