A Xunta ofrece un webinario para explicarlles a compañías e artistas as novas bases das subvencións á creación escénica

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2021

O director de Industrias Culturais da Xunta de Galicia, Jacobo Sutil, mantivo hoxe unha sesión explicativa dixital sobre as novas bases das subvencións á creación escénica, unha liña de axudas dotada con 800.000 euros e dirixida á produción de espectáculos de teatro, danza, novo circo e maxia por parte de compañías profesionais que desenvolvan a meirande parte do seu traballo na nosa Comunidade.

Na sesión, celebrada desde a sede a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), 50 artistas e titulares de produtoras puideron formular persoalmente as súas dúbidas e comentarios sobre distintos aspectos nos xeitos de presentación (con prazo aberto ata o 26 de abril) e xustificación destas axudas, que teñen por obxectivo favorecer a actividade escénica en todas as súas disciplinas, incrementar o público, consolidar as industrias culturais competitivas que xeren retorno e buscar a excelencia nos produtos culturais galegos. De feito, o pasado ano un total de 29 proxectos recibiron financiamento a través desta convocatoria, que foi modificada no marco do Plan de reactivación cultural posto en marcha polo Goberno galego para facerlles fronte aos efectos da covid-19.
 

Imaxes relacionadas