O Sergas acorda coas organizacións sindicais a entrada en vigor das primeiras listas de contratación de persoal médico hospitalario

As devanditas listas, que agora figuran publicadas como provisionais, entrarán en vigor o vindeiro mes de setembro xa con carácter definitivo

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2021

O Servizo Galego de Saúde vén de acordar na Mesa Sectorial de negociación, celebrada hoxe coa presenza da directora xeral de Recursos Humanos deste departamento, Ana Comesaña Álvarez, o réxime específico para a aplicación das primeiras listas de selección temporal de persoal médico de hospitais na historia do organismo autónomo.

Este fito, que conta co respaldo unánime de todas as organizacións sindicais representadas na mesa: CIG, CCOO, CSIF, SATSE e UGT (e dos sindicatos médicos CESM e O’MEGA, integrantes da comisión de seguimento de selección temporal do Sergas), suporá que todo o persoal médico temporal de atención hospitalaria, que actualmente se selecciona por separado nas sete áreas sanitarias, pase a ser seleccionado, por primeira vez e desde o vindeiro mes de setembro, en atención a listas centralizadas de aspirantes de cada especialidade médica, elaboradas de acordo co Pacto publicado no Diario Oficial de Galicia do 18 de decembro de 2018. As organizacións sindicais intervenientes na reunión amosaron nela a súa satisfacción polas medidas de implantación acordadas na xornada de hoxe.

Período transitorio de implantación

As devanditas listas, que agora figuran publicadas como provisionais, entrarán en vigor o vindeiro mes de setembro xa con carácter definitivo. Este prazo de implantación considérase necesario para que as áreas sanitarias rematen a tramitación das súas propias convocatorias de selección de persoal temporal, anunciadas no Diario Oficial de Galicia, e que comprenden preto de 285 prazas vacantes para cobertura con persoal interino.

O acordo incorpora un réxime transitorio que beneficiará ao colectivo de persoal facultativo que vén traballando con nomeamentos de longa duración (dous anos ou máis). Este persoal (582 profesionais), con independencia da entrada en vigor das novas listas, terá garantido o seu emprego ata que finalice a Oferta Pública de Emprego actualmente en curso, cuxo remate está previsto para o ano 2022.

Estudo por especialidades médicas

Na mesma liña de procurar a mellora no emprego público, a Administración confirmou a realización dun estudo por especialidades e áreas para avanzar, na medida do posible, na dotación daquelas prazas que respondan a necesidades permanentes e estables de efectivos nos centros sanitarios.

Con estas medidas, o departamento sanitario autonómico confirma o seu compromiso coa estabilidade no emprego e cos principios de mérito, capacidade e igualdade no acceso aos postos de traballo dos hospitais. Ademais, coa entrada en vigor das listas de selección temporal garántese tamén unha maior dispoñibilidade de persoal, conciliando os intereses de todas as áreas sanitarias e os centros onde se prestan servizos á cidadanía galega.
 

Imaxes relacionadas