Luis López salienta o “éxito indiscutible” do segundo bono turístico #QuedamosenGalicia impulsado pola Xunta e a elevada participación de establecementos da provincia, con 295 adheridos

O delegado territorial anima ás galegas e galegos a facer “turismo responsable e seguro” aproveitando os numerosos atractivos da comunidade e o elevado nivel e calidade do sector nunha visita á Quinta de San Amaro, no Concello de Meaño

O representante autonómico convida á Deputación de Pontevedra a que se sume ao financiamento deste programa, tal e como van facer as de Coruña e Ourense, “xa que todas as administracións públicas temos que implicarnos na reactivación”

A bisbarra do Salnés é a que conta con maior oferta de toda Galicia, con 100 negocios, 50 deles de Sanxenxo ou 16 do Grove, aínda que tamén destacan na provincia os 14 de Pontevedra, 9 de Caldas de Reis, 7 da Guarda ou 6 de Tui
 

Meaño, 20 de abril de 2021

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, salientou hoxe o “éxito indiscutible” da segunda convocatoria do bono turístico #QuedamosenGalicia, impulsada pola Axencia Turismo de Galicia en colaboración co Clúster do sector, despois de que milleiros de galegos solicitaran a oferta en poucas horas e houbera que habilitar unha lista de agarda.

“O deseño deste produto demostra o gran coñecemento que ten a Xunta das demandas dos galegos e unha forte sensibilidade e compromiso co sector turístico e coa súa reactivación”, sinalou o representante autonómico, que tamén destacou a elevada participación de establecementos da provincia, xa que hai 295 adheridos do total de 891 de toda Galicia, o que supón o 33%.

Luis López tamén quixo animar ás galegas e galegos, nunha visita realizada hoxe en Meaño á Quinta de San Amaro xunto ao tesorero do Clúster de Turismo, Alfonso Martínez, a facer “turismo responsable e seguro” aproveitando estas tarxetas moedeiro impulsadas e financiadas pola Xunta -que reporta o 60% do gasto a cada usuario-, os numerosos atractivos da comunidade e o elevado nivel e calidade do sector turístico rexional.

A tarxeta turística #QuedamosenGalicia, que ata o mes de maio convivirá co bono turístico habilitado o ano pasado para o persoal sanitario, consiste en tarxetas de 500€ -as máis solicitadas co 82% do total-, 375€ e 250€ para investir nos case 900 albergues, apartamentos, axencias de viaxes, cámpings, hoteis, pensións, casas de turismo rural e vivendas turísticas que xa se adheriron ao programa, un 60% máis que na anterior convocatoria. En total, o Goberno galego agarda que se mobilicen uns 6,8 millóns de euros que deben contribuír á reactivación do sector tras os efectos das necesarias medidas restritivas no marco da crise sanitaria da covid-19.

“Estamos ante unha iniciativa de moito éxito e por iso queremos abrila, coa maior das xenerosidades, a todos os que queiran participar e por iso gustaríanos que a Deputación de Pontevedra se sumara ao financiamento da mesma, de igual xeito que van facer as da Coruña e Ourense a finais deste mes, xa que todas as administracións públicas debemos de estar ao lado das necesidades dos cidadáns e implicarnos na reactivación dun sector fundamental”, sinalou Luis López, que convidou ao organismo provincial a que contribúa, coa cantidade que desexe, para inxectar a maior cifra posible aos establecementos turísticos.

Gran oferta na provincia

Finalmente, o delegado territorial, que percorreu as instalacións da Quinta de San Amaro, un dos establecementos adheridos ao bono turístico, destacou que a bisbarra do Salnés volveuse erixir como unha das grandes referencias do sector galego, xa que conta con máis de cen negocios participantes, a cifra máis elevada da comunidade, entre os que destacan os 50 de Sanxenxo, os 16 do Grove ou os 13 de Vilagarcía de Arousa.

Así mesmo, entre os case 300 establecementos da provincia tamén figuran 14 do Concello de Pontevedra, 9 de Caldas de Reis, 7 da Guarda, 6 de Tui ou 4 de Oia, Poio ou Bueu, entre outros. “É palpable a ampla oferta que temos na provincia, pero tamén en toda Galicia, polo que creo que é unha oportunidade inmellorable para apostar polo noso e seguir coñecendo mellor esta terra”, rematou.
 

Imaxes relacionadas