Os conselleiros de Educación e Sanidade destacan o CIFP Ánxel Casal-Monte Alto como referente de FP da familia sanitaria

Visitan este centro coruñés que imparte todos os ciclos desta rama profesional, así como varios enfocados a servizos socioculturais e á comunidade

Felicitan ao profesorado polo seu traballo neste curso para garantir a seguridade, en especial tendo en conta a relación das titulacións impartidas coa pandemia

A Coruña, 20 de abril de 2021

Os conselleiros de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e de Sanidade, Julio García Comesaña, visitaron esta mañá o Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Ánxel Casal-Monte Alto, que ambos destacaron como un referente nas ensinanzas da rama sanitaria, pois nel se imparten un total de 12 titulacións diferentes, a totalidade das que conforman esta familia profesional.

Na súa visita, na que estiveron acompañados polo delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, os representantes autonómicos tiveron a oportunidade de interesarse polos cambios que a pandemia está a supoñer no día a día do centro e, en concreto, nos devanditos ciclos sanitarios. Cómpre sinalar, ademais, que este CIFP imparte, así mesmo, oito ciclos da familia profesional de Servizos socioculturais e á comunidade, tamén moi relacionados coas incidencias da pandemia, con titulacións como a de Atención a persoas en situación de dependencia.

Neste sentido, tanto Román Rodríguez como Julio García Comesaña puxeron en valor o traballo realizado por toda a comunidade educativa para garantir a máxima seguridade sanitaria nun centro no que se imparten tantas titulacións destas características, nas que a formación práctica é imprescindible, e cunha poboación de máis de 2.300 persoas, entre alumnado, persoal docente e non docente.

Fóra da oferta de FP, os conselleiros felicitaron ao equipo directivo e docente do centro polo seu dinamismo. Non en balde, a biblioteca do Ánxel Casal- Monte Alto forma parte do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE) e é a única biblioteca dun CIFP de toda Galicia que participa no programa Radio na Biblio. Así mesmo, participa nas diferentes iniciativas de plurilingüismo impulsadas desde a Xunta.

Imaxes relacionadas